O BNG pide a Sánchez "cambios estruturais" para "rexenerar" a política

Ana Pontón insta a Sánchez a tomar medidas efectivas de rexeneración democrática, para frear os bulos, o lawfare e a degradación da política. Néstor Rego lamenta que o PSOE “ollase para outro lado” mentres se producían “prácticas que son incompatibles coa democracia” contra outros políticos

ANA PONTÓN E NESTOR REGO ARXINA
photo_camera Ana Pontón e Néstor Rego (Foto: Arxina)

O BNG considera "sensata" a decisión do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, de seguir á fronte do Executivo estatal mais cre que este impás "non pode quedar nun período de reflexión ou unha declaración" pública e debe ir acompañada da adopción de medidas que supoñan "cambios estruturais" para "rexenerar" a democracia no Estado e terminar coa política "do lodo, o 'lawfare' e a descualificación persoal".

Así o manifestaron esta segunda feira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o deputado nacionalista no Congreso Néstor Rego nunha comparecencia de prensa no Parlamento da Galiza minutos despois de coñecerse a decisión de Pedro Sánchez de continuar no cargo após o período de reflexión aberto tras a apertura dunha investigación xudicial contra a súa parella, Begoña Gómez.

Para Pontón, Sánchez tomou a decisión "sensata" porque a súa dimisión "sería no fondo unha vitoria dos que non asumen o resultado democrático expresado nas urnas" desde estamentos "mediáticos, xudiciais e políticos que están empeñados en torcer o pulso á vontade da maioría social".

Nesta liña, subliñou que "desde as diferenzas" que mantén co PSOE, o BNG considera positivo que siga adiante a lexislatura para poder así dar cumprimento ao acordo de investidura subscrito entre PSOE e nacionalistas en cuestións "que son importantes para os intereses" da Galiza e das "maiorías sociais".

"En política non todo vale, hai liñas vermellas que non se poden traspasar. A política non pode ir de deshumanizar o adversario, que se ve como un inimigo ao que hai que destruír mesmo no persoal", sentenciou Pontón, que ve necesaria "outra forma de facer política" distinta á que, ao seu xuízo, pon en práctica "a dereita e a extrema dereita".ç

Neste sentido, asegurou que na Galiza coñecen "moi ben" as "tácticas destrutivas" do PP, "baseadas no insulto, as mentiras e a descualificación persoal", que parte da forma dos populares "de entender a política como unha forma de ocupar o poder" que os leva a "fagocitar" as institucións "e deslexitimiar o resultado das urnas" cando non lle son favorables.

Rexeneración

Para o BNG, como expresaron tanto Pontón como Néstor Rego, o ocorrido nos últimos días e a decisión final de Sánchez de permanecer no cargo entre denuncias de prácticas desde os medios, os partidos e estamentos xudiciais debe ir acompañado da adopción de medidas que contribúan á "rexeneración democrática", algo que "non vai ser fácil nin cousa dun día".

Segundo a líder frontista, "tanto o PSOE como Sánchez levan moito tempo mirando para outro lado" mentres "os bulos e o 'lawfare' o enlamaban todo, sen facer nada para atallar ese clima" que supuña a "persecución" de dirixentes doutras forzas políticas "e se criminalizaba líderes da esquerda, soberanistas ou nacionalistas e a movementos transformadores como o feminismo".

"Hoxe queda evidenciado que o 'lawfare' existe. O PSOE mirou para outro lado e mesmo se beneficiou. Agora que o denuncia, é o momento de actuar", sentenciou Néstor Rego, que pide aos socialistas e o seu líder que "actúen" porque "senón todo quedará nunha retórica baleira". "É o momento de avanzar en democracia", indicou.

Comentarios