"Formarse, debater e analizar" O BNG organiza unha escola de formación con multitude de relatores

A actualidade dos principios fundacionais do BNG será abordada nesta xornada a través dunha entrevista ao historiador e dirixente histórico do nacionalismo galego, Francisco Rodríguez. A entrevista será realizada polo subdirector de 'Nós Diario', Alberte Mera.
Lucía Veciño e Lucía López (Foto: Nós Diario).
photo_camera Lucía Veciño e Lucía López (Foto: Nós Diario).

O BNG desenvolve este sábado, en colaboración coa Fundación Galiza Sempre, unha xornada de formación, na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, que comezará cunha mesa redonda na cal se abordará o papel actual das nacións no contexto estatal e que continuará con diferentes obradoiros para profundar no escenario político actual.

"Nun tempo histórico convulso en que impera o pensamento único, no BNG xuntámonos para debater e formarnos en análise sobre o contexto político actual, tanto na Galiza como no Estado español tamén no plano internacional", explicou a responsable nacional da área de Organización, Lucía López.

Relatores

Na xornada está previsto que participen distintos relatores, entre os que se atopan o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, a deputada de ERC Teresa Jordá e o senador de EH Bildu Mario Zubiaga. Intervén tamén a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón.

Tamén participará o profesor e sociólogo especializado en teoría decolonial Ramón Grosfoguel, que achegará a súa análise sobre o mundo "multipolar e multicéntrico cara ao que camiñamos".

Ademais, a actualidade dos principios fundacionais do BNG tamén será abordada nesta xornada a través dunha entrevista ao historiador e dirixente histórico do nacionalismo galego, Francisco Rodríguez. A entrevista será realizada polo subdirector de Nós Diario, Alberte Mera.

"No BNG o debate, a formación e a participación da militancia son aspectos fundamentais que desenvolvemos levándoos á práctica en todos os ámbitos da organización", manifestou López.

Comentarios