O Goberno español asegura que "traballa" con Altri para enviar á Comisión Europea un "proxecto ben fechado"

A secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, asegurou esta segunda feira que "ningunha Administración" vai poder bloquear que a compañía portuguesa Altri reciba fondos europeos para instalar a súa fábrica en Palas de Rei (A Ulloa), no caso de que respecte "toda a normativa".
A secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró (Foto: Ministerio de Industria).
photo_camera A secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró (Foto: Ministerio de Industria).

A secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, asegurou esta segunda feira que "ningunha Administración" vai poder bloquear que a compañía portuguesa Altri reciba fondos europeos para instalar a súa fábrica en Palas de Rei (A Ulloa), no caso de que respecte "toda a normativa".

"Seguimos traballando coa empresa" para enviar á Comisión Europea un "proxecto ben fechado", asegurou Torró na súa comparecencia ante a Comisión de Industria e Turismo no Congreso español. Boa parte do debate centrouse en proxectos galegos, nomeadamente no de Altri.

Unha das posicións máis críticas foi a do BNG. O portavoz da formación na Cámara Baixa, Néstor Rego, denunciou que a fábrica tería un impacto ambiental "brutal" en termos de contaminación atmosférica e mariña, así como un consumo "masivo" de auga.

De feito, a forza nacionalista presentou unha denuncia contra a instalación de Altri á Comisión de Peticións da Eurocámara por incumprimento da normativa europea, e agora Bruxelas ten que pronunciarse.

A este respecto, a secretaria de Estado insistiu en que é a compañía a que "ten que definir determinadas cuestións" que lle requiriu o Goberno estatal para poder remitilo "ben fechado" á Comisión Europea e obter "a autorización".

"Ningunha Administración vai parar ningún investimento se respecta toda a normativa", recalcou Torró. "Se Altri responde con todo e coas nosas demandas de documentación complementaria, enviarémola á Comisión Europea para que decida se aprobala ou non", sentenciou.

Stellantis

Durante esta mesma comparecencia, a secretaria de Estado de Industria tamén se referiu á planta de Stellantis en Vigo, da que desmentiu que se quedase definitivamente fóra da segunda convocatoria do Perte do Vehículo Eléctrico e Conectado.

"Vigo non quedou á marxe de nada, está aínda dentro da avaliación do Perte VEC II", insistiu, antes de lembrar que a empresa xa recibira 120,7 millóns de euros para outras plantas, aínda que "falta Vigo". "Mais non teño ningunha dúbida de que saberán aproveitar o III e o IV", agregou Torró.

Comentarios