Iolanda Veloso: "Traballaremos no Concello para que a política municipal responda ás necesidades das persoas"

Iolanda Veloso asumiu desde a pasada quinta feira a portavocía do BNG de Vigo após a saída de Santi Domínguez. Falamos con ela sobre esta nova etapa que di comezar "con moita enerxía".
Iolanda Veloso, voceira municipal do BNG en Vigo
photo_camera Iolanda Veloso, voceira municipal do BNG en Vigo

Pregunta. Acaba de tomar o relevo como portavoz municipal do BNG en Vigo. Como encara esta nova tarefa?
Resposta. Con ganas e con enerxía. Asumindo o que é unha responsabilidade moi grande, sobre todo nun momento tan complexo coma este de crise e de retrocesos nos dereitos sociais, laborais, educativos, sanitarios... Estamos vivindo unha realidade moi grave, entón é complexo. Hai que facer unha política activa de defensa da cidadanía. Mais enfrontoo con moita enerxía. Asemade, partimos con moito traballo feito xa e vou contar co apoio do anterior voceiro que seguirá como concelleiro; e cun grupo municipal que se manté como até o de agora. Sen dúbida, son as mellores condicións porque é continuar cun traballo xa comezado.

P. Vostede é a primeira muller que asume a portavocía...
R. Antes de min xa estivo a compañeira María Teresa Conde, nos anos 80 cando aínda era o BNPG. Mais segue a ser moi complexo o papel das mulleres na vida pública e na política. En xeral estamos sufrindo agora mesmo un recorte dos nosos dereitos o que se materializa claramente tamén no acceso aos cargos públicos. Mais non é estraño, ao estarmos gobernados por un partido que rexeita un mínimo de mulleres nos consellos de administración das empresas, por exemplo. Evidentemente, o máis importante para min é formar parte dunha organización política que non repare en pór unha muller como voceira municipal, pois si é certo que somos moi poucas mulleres as que estamos en cargos de responsabilidade.

"Hai que facer facer unha política activa en defensa da cidadanía"

P. Que valoración fai o BNG da acción do goberno municipal neste primeiro treito de mandato?
R. Na organización tomouse unha decisión após as eleccións municipais sobre cal sería o papel do grupo no Concello. Neste senso, acordamos non entrar no goberno co PSOE, mais tamén manter firmemente a de decisión de impedir que o Partido popular chegase ao poder na cidade. Sempre mantivemos o posicionamento --e así o expresamos en todo momento-- que o PP non podía aplicar tamén na nosa cidade as políticas tan crueis que está a aplicar desde o goberno do Estado e a Xunta de Galiza. De acordo con isto, en cada momento estamos a tomar as decisións que nos parecen máis acaídas para defender á cidadanía, sobre todo, a aquela que o está a pasar peor nestes momentos. Traballamos, pois, dentro do Concello para que o goberno local responda ás necesidade de mantemento dos servizos sociais e de creación de emprego; evidentemente dentro das competencias dun Concello, que son limitadas, mais dalgunha maneira temos que procurar compensar as políticas de recortes do Partido Popular e a situación de crise económica e desemprego que afecta á nosa cidade.

"Acordamos non entrar no goberno co PSOE, mais tamén manter firmemente a decisión de impedir que o Partido popular chegase ao poder na cidade"

P. Desde o Bloque teñen manifestado duras críticas ao PSOE e a Abel Caballero, mais tamén lle deron o seu apoio en cuestións importantes como os orzamentos. Hai quen pensa que é mesmo contraditorio...
R. En realidade os orzamentos que nós apoiamos non son os orzamentos que preparou o PSOE e que presentou Abel Caballero, senón que foron modificados substancialmente por parte do BNG. Modificáronse nada máis e nada menos que o uso de 8 millóns de euros. Falamos duns orzamentos que pasaron de ser antisociais a estaren focados nas necesidades sociais e na creación de emprego. Neste sentido, entendemos que os orzamentos se adaptan ás necesidades da cidadanía unha vez introducidas todas as emendas que o BNG presentara. En certa medida, estas contas públicas teñen unha pegada importante das políticas que cremos deben ser aplicadas e por iso os aceptamos.

P. Porén, o Partido Popular ten criticado con dureza ao BNG acusándoo de ser "muleta" do PSOE, de ser "governo" desde a oposición. Que opinión lle merecen esas acusacións?
R. O PP fai sempre unha interpretación interesada dos posicionamentos do BNG, sexan uns ou outros. Evidentemente se o alcalde fose Chema Figueroa o PP non diría que o BNG é a 'muleta' do PP, nin que somos un goberno na sombra. O seu obxectivo é sen dúbida ocultar que a única formación que está a exercer de maneira efectiva como oposición é o BNG, pois, si temos alternativas que procuramos introducir na política municipal. Eles non o fan, nin defenden os intereses da cidadanía. O único que defenden son as políticas do goberno da Xunta e do goberno español. En troca, BNG exerce as súas funcións de control ao goberno de maneira construtiva introducindo alternativas políticas.

"O obxectivo do PP en Vigo é ocultar que a única formación que está a exercer de maneira efectiva como oposición é o BNG"

P. Cais serán as liñas mestras do Bloque en Vigo de aquí en diante?
R. As liñas mestras do BNG son traballar para que desde o Concello se atendan as necesidades da cidadanía nestes tempos tan difíciles. Temos que facer un esforzo moi grande para atender as demandas das persoas que peor o están a pasar e que sufren o andazo do desemprego, os desafiuzamentos, os recortes... e que precisan que algunha administración responda a eses ataques. Nós seguiremos manténdonos nese traballo e continuar debatendo e traballando no seo da organización para avanzar na defensa da cidadanía en diálogo permanente con ela.

Comentarios