José Tomé denuncia "un pelotazo en toda regra" do PP cando Francisco Cacharro era presidente da Deputación de Lugo en funcións

José Tomé denuncia a venda por parte do PP, no ano 2007, de case 60.000 metros cadrados de solo público urbanizábel a un particular no barrio de Paradai (na cidade de Lugo) mentres gobernaba a institución Francisco Cacharro de maneira interina.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, esta terza feira (Foto: Europa Press).
photo_camera O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, esta terza feira (Foto: Europa Press).

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé (PSdeG), denunciou esta terza feira en rolda de prensa a venda por parte do PP, no ano 2007, de case 60.000 metros cadrados de solo público urbanizábel a un particular no barrio de Paradai (na cidade de Lugo) mentres gobernaba a institución Francisco Cacharro de maneira interina (despois das eleccións municipais e antes da toma de posesión do próximo presidente) e tan só tres días antes de a toma de posesión de José Ramón Gómez Besteiro como novo presidente.

Un movemento, cualificado polo propio José Tomé como "un pelotazo en toda regra", supostamente realizado o 11 de xullo de 2007 por un importe de "3.031.041 euros" e rexistrado no rexistro de propiedade dous días máis tarde, nun momento político, remarcou o presidente, de "transición" no organismo, baixo unha Presidencia en funcións.

A venda dos 66 predios, realizada nalgúns casos "con mobiliario urbano incluído", foi executada polo entón presidente saínte, o popular Francisco Cacharro, quen tras 25 anos ao mando da institución non dispoñía de autoridade legal, precisou Tomé, para realizar ese tipo de actuacións ao atoparse gobernando en funcións.

O presidente da Deputación de Lugo, que explicou que a institución tivo coñecemento da operación "hai un mes", con motivo da posta en marcha dun proxecto para a mellora do equipamento do parque de Paradai, acusou aos responsábeis da sociedade Suplusa -disolta o ano pasado- de seguir realizando traballos de conservación nos predios, xa de titularidade privada, para que a venda "pasase desapercibida".

A partir de agora, indicou Tomé, a empresa Tragsa continuará ocupándose dos labores de limpeza e saneamento dos terreos que seguen sendo de titularidade da Deputación de Lugo, deixando as tarefas de acondicionamento do resto de predios da contorna do parque de Paradai en mans dos seus propietarios e propietarias.

Críticas á xestión do PP

O presidente da Deputación, que mostrou durante a súa comparecencia ante os medios a escritura notarial da venda dos terreos e un plano dos predios traspasados, non quixo revelar o nome do comprador dos terreos públicos e puntualizou que a información compartida obedece a unha cuestión de "transparencia" e de "hixiene democrática".

Si que aproveitou, con todo, José Tomé, para afear ao PP a súa xestión dos recursos públicos pondo os intereses particulares, dixo, "por encima dos intereses xerais e públicos". "Ademais de embarrar a vida política con trolas, o Partido Popular demostrou que entre patria e patrimonio, sempre escolle o patrimonio, e estes feitos poñen de manifesto que non todos somos iguais", declarou. O secretario xeral do PSdeG de Lugo concluíu a súa intervención asegurando que o Goberno da Deputación continúa "limpando" moito tempo despois as consecuencias da "irresponsábel e neglixente xestión do PP".

Comentarios