Luís Pérez, alcalde de Ribeira, presidirá durante 2024 a Mancomunidade Barbanza Arousa

O rexedor estreará a presidencia en Fitur.
José Carlos Vidal, Luís Pérez, José Ramón Romero e Julián Bustelo. (Foto: Mancomunidade Barbanza Arousa)
photo_camera José Carlos Vidal, Luís Pérez, José Ramón Romero e Julián Bustelo. (Foto: Mancomunidade Barbanza Arousa)

Esta quinta feira decorreu o pleno da Mancomunidade Barbanza Arousa –integrada polos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo– no que Luís Pérez Barral, rexedor de Ribeira, tomou o relevo de José Ramón Romero, alcalde de Boiro, como presidente da entidade para este ano 2024. 

A Mancomunidade Barbanza Arousa é unha entidade pública local de ámbito supramunicipal pensada para mancomunar servizos entre estes concellos que abeiran a costa norte da ría de Arousa.

Con todo, nos últimos anos a entidade pasou a centrarse nun dos seus principais obxectivos: o turismo, buscando consolidar a comarca como "destino turístico diferenciado e de calidade"

Nesta liña, Pérez Barral estrearase como presidente da Mancomunidade a vindeira semana na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que decorrerá en Madrid, onde a entidade "exaltará o potencial enogastronómico" da comarca, centrándose na súa tradición conserveira.

Tamén está confirmada a asistencia do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.

Comentarios