A Xunta pide ao Goberno español que apoie o proxecto de Altri

Para demostrar o seu compromiso co emprego industrial.

O conselleiro de Medio Rural, José González, participando nunha reunión telemática organizada polo Ministerio de Agricultura. (Foto: Xoán Crespo)
photo_camera O conselleiro de Emprego, José González (Foto: Xoán Crespo)

O conselleiro de Emprego, José González, emprazou esta quinta feira o Goberno estatal a apoiar o proxecto de Altri na comarca da Ulloa para demostrar o seu compromiso co emprego industrial na Galiza.

A preguntas da prensa en Compostela no marco dunha serie de encontros con representantes sindicais, González subliñou que a Galiza ten "unha pedra de toque importante" no fomento dos empregos vinculados á industria.

"Hai un proxecto industrial de moita transcendencia para a Galiza que está a demandar o apoio da Administración central do Estado", aseverou nunha alusión velada ao proxecto Altri.

Ademais, tamén instou o Goberno español para permitir que se apliquen as políticas activas de emprego con atención a "as especificidades" de cada territorio, polo que demandou "máis capacidade" de acción para as comunidades.

"Sería bo que se deixasen de tanto centralismo no que se refire a estas políticas activas", incidiu o conselleiro, que subliñou que a Xunta ten "ideas" e "ganas de colaborar cos sindicatos e a patronal".

O conselleiro fai estas declaracións no mesmo día en que Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Sindicato Labrego Galego e a plataforma Ulloa Viva envían unha carta a Luís Planas alertando das afectacións da planta. Na carta inclúen un informe adxunto que repasa os principais impactos que tería o proxecto.

Aliás, esta mesma semana,a secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, asegurou  que "ningunha Administración" vai poder bloquear que a compañía portuguesa Altri reciba fondos europeos para instalar a súa fábrica en Palas de Rei (A Ulloa), no caso de que respecte "toda a normativa".

Comentarios