Pontón considera que o Tribunal Constitucional "anulou a barbaridade do PP"

O BNG exixe compromisos coa liña O Porto-Vigo.
Carreira, Louzao, Sanmartín, Pontón, Lestegás, Lueiro e César, esta quinta feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera Carreira, Louzao, Sanmartín, Pontón, Lestegás, Lueiro e César, esta quinta feira (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, referiuse esta quinta feira á sentenza do Tribunal Constitucional (TC) que declara nulos dous artigos e unha disposición incluídos na Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2023 da Xunta da Galiza que puñan un prazo de 15 anos para que as autoridades puideran actuar en caso de obras e construcións ilegais no litoral galego. Pontón sinalou que o veredicto do TC “confirma que a Xunta vai en dirección contraria”.

En declaracións aos medios nas festas da Ascensión, en Compostela, Ana Pontón afirmou tamén que o BNG leva moito tempo “denunciando o uso espurio que fai o PP da lei de acompañamento dos orzamentos". Segundo explicou Pontón, "pretenden coar pola porta de atrás auténticas barbaridades", considerando que así acontece nesta lei que nos últimos anos o PP leva ao Parlamento Galego no mes de decembro, e nestes dous artigos declarados agora inconstitucionais polo TC. 

Ana Pontón afirmou ao respecto que o obxectivo da Xunta da Galiza con esta lexislación era “legalizar instalacións que agora son ilegais". A portavoz do BNG afirmou que logo, da sentenza do Constitucional, "fica claro que desde un punto de vista político esta disposición adicional era ilegal”, algo que explicou que “non se pode tolerar” xa que a responsabilidade da Xunta é “protexer o noso litoral, non a quen infrinxe a lei". A líder do BNG fixo estas declaracións nas Festas da Ascensión, ás que asistiu xunto coa alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín.

Corredor Atlántico

En resposta aos medios, Ana Pontón referiuse tamén ás demandas do AVE Madrid-Lisboa. A portavoz do BNG explicou que o Corredor Atlántico de mercadorías é "unha prioridade para a Galiza" e sinalou directamente "presións" desde o PP de Madrid para a conexión entre a capital española e Lisboa “no canto de priorizar a liña O Porto-Vigo”.

Segundo afirmou, Pontón ao BNG preocúpalle que “con esa presión poidan modificarse os plans”, previstos para este corredor atlántico de mercadorías e por iso demandou do Goberno do Estado "o cumprimento do acordo" para a investidura do presidente Pedro Sánchez ao que o Executivo español chegou coa formación nacionalista.

Comentarios