O Condado

O PP de Ponteareas e ACIP pactan un Goberno de coalición liderado por Nava Castro

"Por fin Juan Carlos Carreira saca a careta e mostra claramente que ideoloxía defende", censura o PSOE, en alusión ao líder de ACIP, Juan Carlos Carreira.
Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas. (Foto: Xan Carballa)

O Partido Popular e Alternativa Cidadá de Ponteareas (ACIP) selaron un acordo para un Goberno de coalición que contempla que os independentes ostenten dúas Tenencias de Alcaldía nesta localidade do Condado da que a ex directora xeral de Turismo da Galiza, a popular Nava Castro, é alcaldesa desde os comicios do pasado 28 de maio. O PP fora a forza máis votada con sete edís, seguido de BNG (6), ACIP (4), PSOE (2), IP (1) e PEC (1).

Nun comunicado conxunto, ambas as formacións destacan que as eleccións deixaron unha repartición de concelleiras entre distintas forzas políticas no municipio sen que ningunha delas consiga a maioría absoluta. Ademais, apuntan que, "despois de distintas reunións de traballo e ante as necesidades dos veciños e veciñas", chegan a un acordo para "dar estabilidade ao concello". Así, as partes pactan unha coalición para afrontar o que resta do mandato "coas garantías e a estabilidade necesaria".

O acordo, que mantén Nava Castro como rexedora, dá a primeira e a terceira Tenencia de Alcaldía para Alternativa Ciudadana. Pola súa parte, o PP manterá a segunda e a cuarta. Ademais, a Xunta de Goberno local estará composta por sete membros, catro do PP e tres dos independentes. En canto ás dedicacións exclusivas, o PP ostentará, alén da Alcaldía, tres completas e unha parcial; mentres que a Alternativa Cidadá de Ponteareas terá unha dedicación completa e tres parciais —unha delas poderá ser ocupada por persoal de confianza—.

En canto á repartición de áreas, os populares asumirán as áreas de Medio Ambiente e Urbanismo, Benestar Social e Igualdade, Comercio e Educación, Facenda e Recursos Humanos, Residuos, Mocidade e Rozas, Parques e Xardíns. Pola súa parte, os independentes asumirán Vías e Obras, Mobilidade e Seguridade, Infraestruturas Xerais, Saneamento e Augas; así como Deportes, Turismo e Cultura.

O acordo contempla que as concellarías de Alternativa exercerán o seu labor de goberno con autonomía propia, podendo os concelleiros delegados ditar resolucións e adoptar decisións e actos administrativos que afecten a terceiros e dispondo do orzamento municipal con capacidade de gasto propio, que supervisará e autorizará a través do primeiro tenente de alcaldesa.

Despois de coñecerse o acordo, noutro comunicado remitido aos medios, o PSOE de Pontearas asegura que con este pacto os independentes destapan o seu "falso cambio de rumbo" tendo en conta que o seu portavoz, Juan Carlos Carreira, opta por "volver porse baixo o mando do castro" e fecha filas co PP.

"Pleno após pleno ACIP postulábase como alternativa, non se sabía moi ben se de dereitas ou de esquerdas, pero lonxe dos partidos con representación na Galiza e en Madrid", sinalan os socialistas, que aseguran que o portavoz de ACIP "sempre avogou por representan a un partido que só miraba por Ponteareas e as súas xentes e que non acababa de decantarse por un ou outro lado da balanza".

"Até hoxe. Por fin Juan Carlos Carreira saca a careta e mostra claramente que ideoloxía defende, deixando desconcertados a moitos votantes que compraron o seu discurso de defender aos veciños e veciñas contra todos e todas", engadiron.

Comentarios