23-X

O PSOE insiste en "negociar con discreción" con Junts e desbota o transfuguismo de deputados socialistas en favor de Feixoo

O líder do PP non tira a toalla e porfía en buscar apoios para unha investidura que, após o 'non' do PNV, requiriría ben dunha abstención do PSOE practicamente imposíbel, ben do apoio de deputados tránsfugas que decidisen darlle o 'si' en contra das ordes do partido, tal e como suxire agora o ultraespañolista Vox, disposto nese hipotético escenario a votar por Alberto Núñez Feixoo sen exixencias.
Pedro Sánchez e Félix Bolaños, esta terza feira, durante a inauguración da Galería das Coleccións Reais, no Palacio Real. (Foto: J. Hellín. POOL / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez e Félix Bolaños, esta terza feira, durante a inauguración da Galería das Coleccións Reais, no Palacio Real. (Foto: J. Hellín. POOL / Europa Press)

O vindeiro 17 de agosto constituiranse formalmente as Cortes xerais e para setembro, aínda sen data concreta, quedará fixada a sesión de investidura. Unha cita para a que xa se preparan as 11 formacións representadas no novo Congreso sen saber exactamente, polo de agora, que sucederá. As forzas nacionalistas teñen a chave da investidura e, mentres BNG, ERC, PNV e EH Bildu xa trasladaron a súa intención de negociar unha posíbel nova investidura de Pedro Sánchez, o sentido do voto de Junts é aínda unha incógnita. Á espera do reconto do voto CERA, que podería mudar a 'foto' final das eleccións do pasado 23 de xullo, abonda cunha abstención dos sete representantes do partido de Carles Puigdemont, pois o 'bloque' proclive a apoiar un novo Goberno de PSOE e Sumar alcanza os 172 escanos, por volta dos 170 de PP, Vox e UPN. Pola súa parte, Coalición Canaria (1) puxo como 'liña vermella' que a extrema dereita non entrase na Moncloa.

Alberto Núñez Feixoo segue adiante co seu plan de presentarse á investidura malia a manifesta falta de apoios, en especial logo de que o PNV, ao que o líder do PP sondara para un 'si' que debería ir acompañado polo apoio tamén do ultraespañolismo, fechase a porta mesmo a sentar a negociar con el. Porén, Feixoo porfiaba na súa estratexia esta terza feira en Santiago, onde asistiu á tradicional Ofrenda ao Apóstolo: "Dicir que non se teñen apoios simplemente por falar con algún grupo paréceme unha conclusión precipitada".

Alberto Núñez Feixoo, esta terza feira, na Ofrenda ao Apóstolo. (Foto: César Arxina / Europa Press)
Alberto Núñez Feixoo, esta terza feira, na Ofrenda ao Apóstolo. (Foto: César Arxina / Europa Press)

O candidato 'popular' non daba por perdida unha abstención do PSOE que os de Sánchez, porén, desbotaron en todo momento ao sumaren os apoios precisos para reeditar o Goberno de coalición. E esta cuarta feira, desde o Congreso, a ultradereita abría a porta a votar 'si' Feixoo sen exixencias se fixesen o mesmo "algúns" deputados socialistas que lle permitisen alcanzar a maioría absoluta. "Non seremos un obstáculo", dixo o portavoz de Vox, Iván Espinosa de los Monteros.

Porén, tanto o Partido Popular como o Partido Socialista rexeitaron xa esta posibilidade. "Non temos conversas con deputados individuais", afirmou a secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra. E, de igual forma, o ministro en funcións de Presidencia, Félix Bolaños, asegurou ver "totalmente imposíbel" ese hipotético escenario no que algúns dos seus compañeiros de filas rachasen a disciplina de voto imposta desde Ferraz para apoiar o rival de Pedro Sánchez.

Entre tanto, dixo Bolaños, o PSOE seguirá a negociar cos seus potenciais aliados no Congreso. "Discreción nas negociacións e publicidade nos acordos cando se logren", precisou. Ao mesmo tempo, asegurou que o PP "trata de agochar o seu fracaso" nas eleccións do pasado domingo e está "entretido" en "finxir" que Feixoo pode ser investido presidente.

Para o ministro, o PP "faltou ao respecto e insultou" os diferentes grupos da Cámara baixa e agora o seu líder atópase nunha "terríbel soidade", só acompañado pola "ultradereita máis extrema", en referencia a Vox. Bolaños, en ton irónico, quixo "agradecer" a Feixoo que "recoñecese" agora que o PSOE é "un partido de Estado" —"os partidos de Estado gañaron apoios e votos", manifestara, en alusión a 'populares' e socialistas—, despois de "todas as falsidades" que, ao seu xuízo, tiveron que soportar estes anos. "Nunca é tarde", subliñou.

Fronte ao "Goberno Frankenstein", como cualificaron o equipo de Moncloa ao longo de toda a lexislatura PP, Vox ou Ciudadanos, Félix Bolaños reivindicou que o Executivo de Sánchez e Yolanda Díaz foi finalmente un "Goberno Superman" que tivo como máxima, afirmou a través de Twitter, "que os españois gañen en dereitos e benestar".

Comentarios