28-M

A 'raia', 400 quilómetros dunha fronteira que se esvaece, mira cara ao 28-M

O estado de emerxencia como consecuencia da pandemia da Covid implicou o fechamento de fronteiras entre a Galiza e Portugal, o que rachou a normalidade da vida diaria entre ambas as dúas beiras e puxo de relevo como a fronteira xa non é tal. Cada vez hai máis proxectos e servizos que son partillados.
Vista panorámica de Tui e Valença do Minho (Foto: Nós Diario).
photo_camera Vista panorámica de Tui e Valença do Minho. (Foto: Nós Diario)

A raia discorre polos 400 quilómetros da fronteira entre a Galiza e os distritos de Viana do Castelo, Braga, Vila Real e parte do de Bragança, en Portugal. Territorios con lazos culturais, económicos e veciñais que nos últimos tempos foron reforzándose a través, entre outras vías, da cooperación entre concellos de ambas as dúas beiras. 

Cada día circulan polos seis postos fronteirizos principais entre estes territorios ao redor de 45.000 vehículos, un tráfico que dá idea de até que punto hai relacións. Sendo un 5% da fronteira total entre o Estado español e Portugal, polos puntos galegos pasan máis de 50% de vehículos. O punto da ponte nova de Tui e Valença, con 18.500 vehículos de media a circular cada día, é o que máis movemento rexistra.

Esta ligazón na 'raia' ten a súa expresión máis salientábel nas denominadas 'eurocidades' que unen localidades galegas e lusas. Son catro, tres ao longo do Miño e outra na denominada 'raia seca'. Suman, entre as catro, máis de 147.000 habitantes en 1.373 quilómetros cadrados. Un exemplo de cooperación e coordinación institucional ao abeiro do pulo europeo: Tui-Valença, Tomiño-Cerveira, Salvaterra-Monçao e Verín-Chaves.

Esta 'raia' é a liña de contacto máis intenso entre a Galiza e o norte de Portugal, unha 'rexión' europea que ocupa unha superficie de 51.000 km2 e concentra unha poboación de 6,4 millóns de habitantes. Catro pontes internacionais suturan a eurorrexión ao paso do río Miño. Na demarcación provincial de Ourense, a fronteira é terrestre. Entre os concellos desa 'raia' impúlsanse proxectos e iniciativas comúns en diversos eidos, desde o turismo até o comercio, mais tamén en servizos. 

Por exemplo, entre os de Tomiño e Cerveira. os veciños da vila portuguesa usan a escola de música da galega e estes optan pola piscina municipal da vila portuguesa. No que respecta á dinámica de actividade e emprego nesta área, este concéntrase principalmente no sector servizos (perto de 60%), na industria e construción (32%) e no sector primario (10%) .

Nos ámbitos de traballo que se refiren á mobilidade xeográfica e á cooperación de proximidade, continuarase coa reclamación do Estatuto do Traballador Transfronteirizo. Insistirase ademais na mellora urxente das conexións ferroviarias, coa firme aposta polo tren de alta velocidade Vigo-Porto.   

Importancia

Dous organismos chaves á hora de impulsar esta ligazón entre os concellos da raia son o Eixo Atlántico e o AECT Rio Minho.  Non son os únicos, mais o seu papel nestes anos está a resultar determinante en proxectos e iniciativas comúns para ambas as dúas beiras.

O deputado provincial Uxío Benítez, director da agrupación Rio Minho, ten sinalado que "hai que entender a singularidade e a relevancia que ten esta zona contando coa súa situación xeoestratéxica no centro da Eurorrexión entre dúas cidades como Vigo e Porto".


Unha realidade que vai collendo importancia nos programas

A aposta por unha maior cooperación e colaboración entre concellos galegos e de Portugal é algo que partillan todas as organizacións políticas. Esta aposta, porén, aínda falta por concretar moitas veces nos programas electorais das organizacións en citas como as municipais, se ben cada vez van tendo maior presenza. O PP centra as demandas nas infraestruturas, nomeadamente no AVE que una Porto e Vigo. Nunha liña similar centra o PSdeG as súas demandas e reclamacións. Desde o BNG piden máis fondos e compromisos para desenvolver actuacións e proxectos conxuntos en diferentes campos, desde servizos até emprego 
ou infraestruturas.

Comentarios