Rueda sitúa á fronte da eólica a ex directora xeral acusada de "condonar 12 millóns de euros a Greenalia"

Adega presentou unha querela contra Paula Uría comisión dos posíbeis delitos de prevaricación e malversación de fondos públicos ao 'eximir' a compañía enerxética dunha débeda millonaria coa Facenda pública.
A nova directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais do Goberno galego, Paula Uría (Foto: Xunta).
photo_camera A nova directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais do Goberno galego, Paula Uría (Foto: Xunta).

O Consello da Xunta aprobou esta segunda feira o nomeamento de Paula Uría como directora xeral de Enerxías Renovábeis e Cambio Climático, quen ocupara anteriormente o posto de directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

Trátase dun nomeamento polémico, xa que a Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) presentou o pasado mes de febreiro contra Uría [nese momento ex directora xeral] unha querela por suposta prevaricación e malversación, ao "condonar perto de 12 millóns a Greenalia".

"Unha mala noticia e tamén un mal augurio para o futuro da política enerxética do país ao rexentar unha Dirección Xeral a responsábel da condonación de case 12 millóns de euros a unha empresa amiga do PP", sinalan fontes de Adega en declaracións a Nós Diario.

Este nomeamento é un claro manifesto de que se vai seguir traballando ao mandato da patronal eólica e das corporacións enerxéticas, así como daquelas empresas onde estean antigas compañeiras de Goberno, como pode ser o caso de Beatriz Mato", engaden estas fontes.

"Paula Uría non debería estar administrando os recursos naturais do país nin estar en cargos nos que se lle conceda o poder de decisión sobre os recursos económicos do pobo galego porque ante a mesma oportunidade vai facer prevalecer os intereses das promotoras eólicas enerxéticas en detrimento do interese común da cidadanía galega", sentenzan a este xornal desde a asociación ecoloxista.

A denuncia

Neste sentido, na denuncia, Adega atopaba na actuación de Paula Uría "indicios evidentes" da comisión dos posíbeis delitos de prevaricación e malversación de fondos públicos ao 'eximir' a compañía enerxética dunha débeda millonaria coa Facenda pública.

Os feitos constitutivos dos supostos delitos tiveron lugar en xullo de 2021, cando a daquela Directora Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais asinou unha resolución administrativa pola que aceptaba a proposta da empresa Greenalia de modificación do plan industrial asociado á adxudicación de megawatts no concurso eólico de 2010 para o parque eólico Campelo, entre Coristanco (Bergantiños) e Santa Comba (Xallas), "de forma arbitraria e en contra do ordenamento xurídico", segundo Adega.

Naquela convocatoria, a promotora inicial do parque eólico Campelo, Kaekias Eólica S.A., obtivera a potencia eólica solicitada para a construción deste parque coa condición de executar o plan industrial asociado ao mesmo.

Porén, co paso do tempo, Kaekias Eólica optou por non levalo a cabo e, no seu lugar, decidiu monetizalo, quedando obrigada a concesionaria a ingresar 11.721.971 euros no fondo de capital-risco (Sodiga) do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) "no prazo dun mes desde a posta en funcionamento do parque eólico Campelo", lembraba Adega.

En 2017, a titularidade deste proxecto eólico e das obrigas ligadas ao plan industrial asociado pasaron a mans de Greenalia, empresa da que actualmente é conselleira a ex responsábel de Medio Ambiente da Xunta da Galiza Beatriz Mato.

En novembro de 2019, Greenalia "rexeitou facer fronte á monetización do plan industrial" que formulara a súa antecesora e, por conseguinte, "ao pagamento dos perto de 12 millóns de euros á Facenda pública", e presentou unha nova proposta diante da Dirección Xeral de Planificación Enerxética pola que solicitaba dar por executado o plan industrial vinculado ao proxecto Campelo.

"A efectos de probar a execución efectiva do plan industrial, Greenalia presentaba tres actuacións que xa tivera desenvolto no pasado, entre 2015 e 2019, e que nada tiñan a ver co plan industrial acollido no concurso de 2010", censuraban desde o colectivo ambientalista.

Así, o 21 de xullo de 2021, Paula Uría, como responsábel de Planificación Enerxética, "aceptou o cambio da monetización polo efectivo desenvolvemento do plan industrial" e, asemade, "validou, a fin de dar por executado tal plan, as tres actuacións de Greenalia que non se correspondían co plan industrial proposto en 2010", concluían desde Adega.

Máis en POLÍTICA
Comentarios