Eleccións Europeas 9-X

Estas son as 39 listas que se presentan ás eleccións europeas

A Xunta Electoral deberá agora examinar o cumprimento de todos os requisitos formais para ratificar as candidaturas o vindeiro 14 de maio.
Papeletas azuis para o Parlamento europeo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Papeletas azuis para o Parlamento europeo. (Foto: Europa Press)

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou esta cuarta feira as 39 candidaturas presentadas polos distintos partidos e coalicións ás eleccións europeas do próximo 9 de xuño, nas que o Estado español elixirá 61 deputados e deputadas do Parlamento Europeo. Como nas eleccións europeas a circunscrición é de ámbito estatal, as listas tiveron que presentarse ante a Xunta Electoral Central (XEC) nun prazo que rematou na noite desta pasada segunda feira.

Aquelas formacións que non lograron escano nos comicios anteriores, os de 2019, deben achegar ademais un mínimo de 15.000 sinaturas de cidadáns e cidadás como aval. Ao rexer o sistema de circunscrición única, que só se usa nos comicios ao Parlamento Europeo, as formacións territoriais vense obrigadas a unir forzas para ter posibilidade de lograr un escano en Estrasburgo, polo que até doce coalicións se acreditaron adecuadamente para os comicios de xuño.

As listas definitivas, a vindeira semana

A partir de agora, a Xunta Electoral deberá examinar o cumprimento de todos os requisitos formais, o respecto á paridade —ningún grupo de sexo por baixo de 40% nin por riba de 60% en cada tramo de cinco nomes—, e sobre todo os avais presentados polas formacións extraparlamentarias.

Tras ese exame e pasados uns días para corrección de erros, a XEC procederá despois a proclamar as candidaturas definitivas ao Parlamento Europeo, que volverán ao BOE a vindeira terza feira, 14 de maio.

Nos comicios de hai cinco anos tamén se presentaran 39 candidaturas ao Parlamento Europeo, pero a XEC tombou sete delas por non cumpriren algún requisito e finalmente só quedaron proclamadas 32 listas.

As 'grandes' formacións

Entre as 39 candidaturas presentadas figuran as dos principais partidos con representación parlamentaria. O PSOE rexistrou unha lista encabezada pola vicepresidenta Teresa Ribera, o PP optou pola ex ministra Dolors Montserrat e Vox repite con Jorge Buxadé como número un.

Sumar reúne boa parte dos seus socios das xerais do 23 de xullo —En Comú, IU, Más Madrid, Compromís e Chunta Aragonesista, entre outros— e presentou unha lista encabezada por Estrella Galán, directora da Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR), mentres que Podemos concorre en solitario coa ex ministra Irene Montero como cabeza de cartel.

Os partidos soberanistas e nacionalistas representados no Congreso dividíronse en tres coalicións electorais: ERC, EH Bildu e o BNG repiten a súa alianza Agora Repúblicas; os nacionalistas do PNV e Coalición Canaria concorren como Coalición por unha Europa Solidaria (CEUS), e Junts preséntase comon Junts e Lliures per Europa (Junts-UE).

Ciudadanos, que en 2019 logrou oito escanos, volve a unhas eleccións de ámbito estatal tras o desastre das eleccións locais de 2023 e a súa retirada das últimas estatais. O seu cabeza de lista será o eurodeputado Jordi Cañas. En paralelo, ex dirixentes do partido laranxa están detrás doutras dúas listas: Cree, o novo proxecto de Edmundo Bal, e Izquierda Española, onde recalaron a eurodeputada Soraya Rodríguez, o procurador de Castela e león Francisco Igea e outro ex dirixente de UPyD, Gorka Maneiro.

Outra coalición con aspiracións é A España Esquecida (Existe), que engloba partidos locais da chamada 'España baleirada', ás formacións independentes municipais de UCIN e ao partido Por un Mundo Más Xusto (PUM+J). A candidatura encabézaa o ex deputado Tomás Guitarte (Teruel Existe).

Candidaturas minoritarias... e chamativas

O comunicador 'Alvise' Pérez, o pai da nena Mari Luz —asasinada en 2008—, activistas das tractoradas de febreiro, comunistas de distintos espazos e partidos de ámbito local, entre eles tres estremeños, son algunhas das outras listas que queren presentarse ás eleccións europeas. Tamén o Partido Galego, que busca concorrer en solitario, así como o Partido Libertario, a FE de las JONS ou o Frente Obrero.

Comentarios