Varias ducias de delegados sindicais --CIG, CC OO, UXT, CSIF e SATSE-- concentráronse ás portas da sede do Parlamento de Galiza para rexeitar os orzamentos da Consellería de Sanidade, unhas contas que nesta xornada están a debate no Pazo do Hórreo en comisión.
Así, reclamaron que "devolvan o soldo que Feixoo roubou desde 2010" e piden máis persoal para cubrir as xubilacións, xa que os servizos están deficitarios e isto leva a que o persoal "non poida gozar" dos seus permisos no ano en curso.
Co apoio dos grupos da oposición -acudiron a portavoz nacional e a responsábel da área no BNG, Ana Pontón e Montse Prado, respectivamente; e o portavoz socialista, Julio Torrado-, os sindicatos con presenza na mesa sectorial concentráronse con consignas como "orzamentos dignos para Primaria" e "o público é servizo, o privado beneficio".
En declaracións aos medios, a secretaria xeral de CIG- Saúde, María Xosé Abuín, explicou que todos os sindicatos con representación na mesa sectorial "rexeitan" os orzamentos de sanidade porque "continúan desmantelando" este servizo e "non dan resposta ás necesidades", á vez que "seguen precarizando as condicións laborais e retributivas" do persoal.
"Esiximos uns orzamentos que conteñan un 25% para Atención Primaria, que nos devolvan os salarios que Feixoo nos roubou desde 2010, salarios publicados no DOG e que el conxelou en 2010, dicindo que era unha retribución inmerecida", apuntou Abuín.
Nesta liña, o secretario de Sanidade de CCOO, Javier García, denunciou que os orzamentos "en atención primaria redúcense un 2%" con respecto ao ano anterior. "Non entendemos que nesta situación se reduza o orzamento", manifestou, antes de sinalar que a atención hospitalaria ten orzamento finalista, pero non así a Atención Primaria.
Javier García tamén lamentou a "falta de xestos por parte do Goberno galego cara ao persoal da sanidade". "Levamos anos sen ningún xesto e as últimas subidas sempre son propiciadas polo Estado, non parece que lle interese o persoal da sanidade", apuntou.
Doutra banda, María Xosé Abuín advertiu de que "preocupa" que non haxa médicos, respecto diso do que dixo que "é algo programado e planificado pola Consellaría de Sanidade", que atribuíu á máxima de "facer máis con menos: máis precariedade con menos asistencia".
Abuín reprochou que desde 2012 "non convocaron as prazas MIR suficientes para cubrir as xubilacións" e asegurou que "non chegaron a cubrir as prazas MIR que o ministerio ofrece". Neste sentido, indicou que teñen contabilizadas xubilacións e en pediatría hai un déficit de 79 persoas.