Un total de 514 concellos do Estado español, dos que unha trintena se atopan na Galiza, así como perto de 130 empresas e 126 organizacións confirmaron que se unirán este sábado 23 de marzo á 'Hora do Planeta', unha iniciativa posta en marcha pola asociación ecoloxista WWF para concienciar a poboación contra o cambio climático.
Para iso, convoca cada ano esta acción global que consiste en apagar as luces de monumentos, concellos, empresas e fogares durante unha hora este día, desde as 20.30 até as 21.30 horas. A iniciativa naceu en 2007 en Sídney (Australia) da man da agrupación local da ONG e expandiuse por todo o mundo.
Nos días previos á 'Hora do Planeta', WWF iniciou unha campaña en redes sociais para facer chegar ás novas xeracións a iniciativa da man de numerosos 'influencers' que están a levar a cabo varias accións de concienciación a través dos seus perfís en redes sociais.
Ademais, para esta edición WWF puxo en marcha un 'Banco de Horas', unha iniciativa a través da que convida a cidadanía a dedicar 60 minutos a unha actividade sostíbel e positiva antes deste sábado 23. Este 'banco de horas' é unha ferramenta web que ofrece ideas sobre actividades que contribúen a coidar o planeta. A organización pretende demostrar 'sumando horas' que "co esforzo conxunto pode avanzarse cara a unha sociedade sostíbel e xusta e cara a un futuro resiliente ao clima e de cero emisións netas".
Algúns dos edificios e monumentos que hoxe apagarán as luces serán o Concello e o monumento de Praza de España, en Vigo, a sede da Deputación Provincial de Pontevedra ou a ponte romana de Lugo, así como o pazo de María Pita e a fonte de Catro Camiños, na Coruña.