A versión oficial da Xunta a respeito da proposta de reforma da Lei de Saúde -apresentada por Feijóo a quinta feira- é naturalmente idílica. Trataríase dun novo texto legal que blindaría a existencia dos hospitais comarcais coa criación de 14 distritos sanitarios, de tal xeito que "ningún goberno poderá diminuír ou eliminar un hospital comarcal en Galiza se non é por lei e por autorización parlamentar".
A oposición considera estes argumentos a prol da lei como puramente propagandísticos. A ollos de En Marea, estaríamos perante un novo elo na política de desmantelamento de servizos esenciais na sanidade pública. A confluencia pon en concreto a énfase en que a reforma deixa fóra a atención primaria. E a respeito das supostas bondades da "xestión integrada", o grupo parlamentar que dirixe Luís Villares pon en destaque que os seus efeitos xa están á vista: número insuficiente de profisionais, aumento das listas de agarda e derivacións de pacientes a Lugo (das áreas da Mariña e Monforte) e a Ourense (procedentes do Barco).
"Esta manobra [a apresentación da lei nas vésperas dunha ponte] non lles servirá porque as populacións das áreas sanitarias que serán suprimidas está preocupada e mobilizada", considera Luís Villares.
Contra-reforma
Por súa parte, Ana Pontón cualifica esta nova iniciativa lexislativa do Goberno de Feijóo como unha auténtica "contra-reforma", obra dun "goberno despótico" que continúa co seu proxecto de suprimir até 4 áreas sanitarias -O Salnés, Cervo, Monforte e O Barco de Valdeorras- a despeito da forte contestación social rexistada nos territorios afectados.
A líder nacionalista anunciou un "intenso traballo político" coas organizacións sociais e a plataforma SOS Sanidade Pública para levantar unha "grande fronte social" contra esta proposta de reforma da lei de saúde.
Canto ao PSdeG, o portavoz do grupo parlamentar en materia de sanidade, Julio Torrado, acusou Feijóo de "ter consumado un ataque deliberado contra os pacientes dos hospitais de Burela, Salnés, Monforte e Valdeorras".