O Concello de Melide (Terra de Melide) solicitou á Xunta da Galiza unha declaración negativa de impacto ambiental para o proxecto de Altri dunha macrocelulosa en Palas de Rei (A Ulloa). Tamén solicita que se revise a categoría de proxecto estratéxico.
O rexistro municipal recolleu case 700 alegacións á macrocelulosa. Agora, nunha misiva enviada á Consellaría de Industria, o alcalde, José Manuel Pérez, de Adiante Melide, expón as alegacións do consistorio nos ámbitos do proxecto industrial, da afección territorial e urbanística e desde o punto de vista patrimonial e ambiental.
No seu escrito, reclama que sexa revisada a categoría de proxecto estratéxico e de utilidade pública da factoría, con base nas alegacións presentadas. Nelas, o concello reclama que a Secretaría Xeral de Industria facilite unha copia da documentación achegada durante a declaración do mesmo, así como dos informes favorábeis.
Tamén pide aclaracións sobre a instalación por fases que se expón no proxecto básico e as incidencias das mesmas sobre os postos de traballo. Ademais, quere unha aclaración sobre o carácter da instalación, "onde se expoña adecuadamente se se trata dunha fábrica de téxtiles ou de produción de celulosa".
Na mesma liña, pide coñecer "como encaixa" nas directrices de ordenación do territorio "o monocultivo de eucalipto que necesita a subministración do proxecto".