O residente falecido na madrugada deste 15 de abril tiña 90 anos. Lembrouno en Twitter o presidente da federación de asociacións de familiares de residentes REDE, Paulino Campos: “Avó de 90 anos mal tratado en DomusVi Monforte, entrou andando hai mes e medio, perdeu mais de 10 kilos e esta mañá perdeu a vida despois da atragoarse co seu vómito, sen médico nin enfermeiras e sen ser atendidas as peticións da familia de derivación hospitalaria”.
Abuelo de 90 años mal tratado en DomusVi Monforte; entró andando hace mes y medio, perdió más de 10 kilos y esta mañana perdió la vida 🌹 después de atragantarse con su vómito, sin médico ni enfermeras, y sin ser atendidas las peticiones de la familia de derivación hospitalaria pic.twitter.com/wgwa7dPa71
— Paulino Campos (@PaulinoCampos7) April 15, 2021
O residente foi ingresado o pasado 11 de marzo na residencia DomusVi Monforte, centro concertado coa Xunta. Segundo relatou a súa neta en Facebook, Iria Collazo, nun emotivo relato, o seu avó tiña unha demencia severa pero o seu corpo estaba forte. Ao longo de marzo o ancián foi adelgazando progresivamente, mais na residencia quitábanlle importancia á perda de peso.
“Caía da cama e non o levantaban do chan até o día seguinte. Saíronlle feridas nos pés e ninguén nos sabía dicir a que eran debidas. Deixou de andar. Deixou de terse dereito nunha cadeira. Comezou a ter picos de 500 de glucosa. Deixou de falar por teléfono. Deixou de contar historias”, escribiu a neta en Facebook denunciando o trato que o seu avó recibiu.
“Pedimos que o derivaran a un hospital. Consideraron que non era necesario. Cando xa non cremos máis escusas e decidimos pagar unha ambulancia para sacalo dese lugar, dixéronnos que estaba ingresado de urxencia no Hospital Comarcal. Atragoárase mentres lle daban de comer e foi dous días despois cando por fin decidiran informarnos e ingresalo debido á pneumonía que iso lle provocara”.
Continúa Collazo sinalando que estes “días de reclamacións, denuncias e burocracia absurda coñecín xente que está traballando día e noite para conseguir que os nosos vellos reciban unha atención de calidade e uns coidados dignos. É xente que quere cambiar este sistema brutal que no século XXI aínda condena aos anciáns ao abandono máis absoluto e ás familias (ás mulleres, sempre ás mulleres) a seren presas dun cárcere que as leva canda aos seus familiares á enfermidade mental e física, ao deterioro, á culpa. Eu quero axudar a esa xente”.
O caso recorda ao de Carmen Barreiro, que saíu do mesmo centro de maiores de Monforte de Lemos após dous meses de estadía con síntomas de desnutrición e con úlceras de importantes dimensións en varias partes do corpo.