A operación contra unha organización criminal de ideoloxía neonazi dentro dun dispositivo conxunto posto en marcha pola policía española e os Mossos d'Esquadra levou os axentes a mañá desta terza feira á aldea de Ferroños, no municipio de Sober (Terra de Lemos), onde foi rexistrada a vivenda onde residía un dos sospeitosos.
Segundo fontes municipais, o home residente nesa vivenda sería detido pola súa presunta vinculación coa organización de ideoloxía neonazi 'Combat 18', no marco dun dispositivo desenvolvido tamén en diferentes municipios de Catalunya, Madrid, Toledo e Málaga.
O home, veciño do Concello de Sober, vivía de aluguer desde algún tempo nunha casa da aldea de Ferroños, pertencente á parroquia de Anllo, onde esta terza feira, cara ás 08 horas, tivo lugar o rexistro do domicilio dirixido por catro unidades da policía española.
Operación estatal
A operación, de alcance estatal, céntrase nunha "organización criminal vinculada ao nacionalsocialismo e ao supremacismo branco" coñecida como 'Combat 18'; que toma o seu nome da primeira e a oitava letra -1 e 8- do alfabeto -A de Adolf e H de Hitler-; orixinada en Reino Unido en 1992 e prohibida nalgúns países da Unión Europea como Alemaña.
"Non coñecemos aínda o alcance da operación, pero estamos sorprendidos de que nun concello pequeno como Sober pasen este tipo de cousas", recoñeceu o alcalde do municipio, Luís Fernández Guitián.