A Festa da Ostra de Arcade 2024 comezou esta sexta feira nesta parroquia do municipio de Soutomaior, na comarca de Vigo. Foi coa entrega do galardón á ostreira Isabel Seoane Amoedo, ao que lle seguiu unha xornada de charangas e orquestras.
Hoxe terá lugar a apertura das casetas de degustación do produto máis senlleiro de Arcade e continuarán os actos lúdicos. O pregón será mañá, a cargo do escritor Manuel Lourenzo González, nun domingo que fechará unha festa cunha grande importancia para o municipio.
A ostra de Arcade é sen dúbida a máis cotizada do mercado e a pioneira en comercializarse e exportarse fóra da Galiza. É de variedade ostrea edulis e se lle recoñece un sabor ligado ás augas nas que se cría, a desembocadura do río Verdugo. Se ben se recomenda o seu consumo en todos os meses, a mellor época para degustala é no de abril.
A primeira Festa da Ostra organizouse no ano 1987. A idea partiu dos ostricultores da zona que consideraron como idónea a vila de Arcade para esta celebración, xa que foi a pioneira no consumo, na comercialización e na exportación do molusco.