Paulo Carril, secretario xeral da CIG: "A chamada transición enerxética na Galiza é unha auténtica demolición"

Este domingo, 10 de marzo, conmemórase o Día da Clase Obreira Galega. Con motivo desta sinalada data, 'Nós Diario' conversa co secretario xeral da CIG, Paulo Carril, sobre a vixencia das reivindicacións de 1972 e sobre os problemas actuais que sofre a clase traballadora galega.  
 
Paulo Carril, secretario xeral da CIG (Foto: Nós Diario).
photo_camera Paulo Carril, secretario xeral da CIG. (Foto: Nós Diario)

En Ferrol, o 10 de marzo de 1972, tivo lugar unha gran mobilización do persoal do estaleiro de Bazán. A Policía franquista reprimiu a mobilización e matou dous traballadores, Amador Rei e Daniel Niebla. Medio cento de manifestantes resultaron feridos. Con motivo desta data, o Día da Clase Obreira Galega, Nós Diario entrevista Paulo Carril, secretario xeral da CIG, sindicato que este domingo realizará unha ofrenda floral no monumento ao 10 de Marzo de Ferrol e posterior manifestación. A CIG tamén convoca mobilizacións en Vigo, A Coruña, Compostela, Pontevedra, Lugo e Ourense.

—Que ensinanzas nos deixa e que reivindicacións seguen vivas da loita que tivo lugar en 1972?
Para a CIG, o 10 de marzo, o Día da Clase Obreira Galega, é unha data chave no sindicalismo nacionalista. Este ano reafirmámonos na vixencia das loitas de 1972 e todo o que significaron, e pretendemos pór enriba da mesa a necesidade de continuar na loita e na mobilización, baixo o lema 'Stop precariedade. Traballo digno. Por un marco galego de relacións laborais', para facer fronte á situación de pobreza e de desindustrialización que temos hoxe na Galiza.

—Pasaron máis de 50 anos e moitos daqueles problemas seguen presentes, mais a realidade tamén mudou nalgúns sentidos. Cales son os principais problemas da clase obreira en 2024?
Fanse dous anos da aprobación da reforma laboral, a cal non derrogou as medidas da de 2012, e vemos que se está confirmando o que nós xa advertiamos naquel momento, que ía significar un empeoramento nas condicións laborais e salariais.

Aprobáronse novas modalidades de contratación coas que se multiplicou a precariedade, xa que están xeneralizados os contratos fixos descontinuos e a tempo parcial. Os datos evidencian a extensión da pobreza laboral, xa que ter un traballo non evita que a xente sexa pobre, non garante ter os ingresos para poder acceder a bens básicos para poder vivir dignamente, nunha situación que padecen especialmente as mulleres.

Nun contexto ademais no que a actuación do Goberno galego, que acaba de renovar a maioría, vai no camiño dun desmantelamento económico e social, e mesmo poboacional, do país. 

Por iso entendemos que é necesaria a mobilización, non podemos permitir que o resultado das eleccións teña como consecuencia o endurecemento das políticas antisociais e antigalegas do PP. Só a través da acción se pode conseguir un plan galego de recuperación económica, de reindustrialización, de emprego digno, de reforzo dos servizos públicos, así como acabar coa precariedade e a temporalidade. Neste sentido, tamén necesitamos que o marco galego de relacións laborais sexa unha realidade para poder ter dereito a vivir e traballar dignamente no noso país, sen emigración, así como o dereito a poder negociar e decidir democraticamente na negociación colectiva as nosas condicións salariais e laborais.

—Vemos un mercado laboral cada vez máis enfocado aos servizos. Cales son as causas desta estrutura produtiva con menor peso da industria e que solucións habería que aplicar?
Os datos de desemprego confirman este proceso e, en paralelo, como medra a precariedade. As áreas industrializadas perden cada vez máis postos de traballo e nelas impóñense os servizos, que cada vez teñen máis peso no tecido económico do noso país, e que precisamente compoñen o sector que mellor asenta o modelo de precariedade actual.

Hai que denunciar que na Galiza a industria apenas representa 11% do produto interior bruto (PIB) e que o índice industrial galego é case equivalente ao dun país subdesenvolvido. E todo isto cando estamos sendo vítimas dun proceso de recolonización en sectores tan importantes como o enerxético, coa ofensiva eólica e coa busca dunha maior apropiación dos nosos recursos naturais en beneficio doutros territorios sen crear emprego e industria. 

A chamada transición enerxética na Galiza é unha auténtica demolición. Temos o caso das Pontes como exemplo visíbel deste feito. Estamos vendo tamén, por outro lado, como se aplaude que a Galiza sexa un grande eucaliptal e un gran camiño de Santiago, hai un modelo de desenvolvemento económico que vai en contra da xeración de emprego e de riqueza no país. 

—Hai que reformar a xornada e o marco de condicións laborais?
Reclamamos cambios lexislativos para favorecer a repartición do traballo e reducir a xornada laboral a 35 horas, avanzando incluso de cara á xornada de catro días, 32 horas semanais, xa que os avances tecnolóxicos e os cambios na organización do traballo permiten facelo posíbel. 

—A conserva, o téxtil ou a limpeza son só algúns dos sectores nos que se teñen conseguido vitorias nos últimos meses e anos.
Temos máis exemplos, como o comercio de alimentación ou o metal. Existe un número importante de conflitos nos que se evidenciaron dúas cousas, primeiro a necesidade da loita e da mobilización como guía para conseguir dereitos, e segundo, como diciamos na asemblea de delegados e delegadas que tivemos en febreiro, que a loita de clases está hoxe máis viva que nunca. 

O feito de sermos a primeira central sindical da Galiza, atinxindo 5.000 representantes (31%), permite que haxa un sindicato disposto a pórse á fronte de todas as loitas.

—A CIG ten unha visión internacionalista e non perde de vista as súas relacións con outras organizacións en todo o mundo.
A Galiza é unha nación sen Estado á que se lle nega o dereito á autodeterminación. A CIG comparte reflexións e traballo con outras organizacións coas que nos une a visión de que hai un mundo que ten que rematar coa hexemonía dos Estados Unidos de América e camiñar por fin cara ao multilateralismo.

Comentarios