Opinión

Non nos calarán!

Desde que teño uso de razón fun educado -como moit@s de nós- na mentira e na teoría da auto-anulación colectiva. Dixéronme que non somos nada. Que Galiza nunca foi nada nin ten dereito a nada. Que o pobo galego non é quen de se valer por si mesmo. Que poden facer de nós o que queiran, que aquí ninguén protesta.

Desde que teño uso de razón fun educado -como moit@s de nós- na mentira e na teoría da auto-anulación colectiva. Dixéronme que non somos nada. Que Galiza nunca foi nada nin ten dereito a nada. Que o pobo galego non é quen de se valer por si mesmo. Que poden facer de nós o que queiran, que aquí ninguén protesta. Que o de fóra si vale, e moito, mais o noso non. Que somos un pobo de inútiles. Que nacemos para traballar coma escravos, ou para emigrar. Que para ser algo na vida había que renegar do idioma noso, e adoptar o español. Porque o galego é miseria, atraso e ignorancia. E o español é progreso, prosperidade e modernidade. Que tíñamos que deixar de ser nós, e asemellarnos ao de fóra. Que vella ladaíña!

"Que sería de nós, da Galiza, sen a existencia de nacionalismo galego? De certo que a nosa nación sería outra cousa. Probabelmente máis pobre, máis triste, máis indefensa e menos galega".

En ocasións de xeito sutil, outras máis bastamente, foron inculcando prexuízos e complexos en nós, na nosa sociedade. En moitos casos con éxito. Noutros, afortunadamente, non. Fágome en ocasións a pregunta de porqué nós, tan acostumados ao derrotismo e ao pesimismo colectivo, fomos quen, en situacións históricas conprometidas, de pórnos en pé, de reclamar o que é noso, de proxectarmos dignidade nacional. Ou o que é o mesmo: Que sería de nós, da Galiza, sen a existencia de nacionalismo galego? Reparemos nesta cuestión. Reflexionemos. De certo que a nosa nación sería outra cousa. Probabelmente máis pobre, máis triste, máis indefensa e menos galega.

Hai quen segue a sentir fascinación polo de fóra, e complexo e hipercriticismo co propio. Ben sei o peso relativo do nacionalismo na Galiza. Hoxe non é hexemónico, mais tampouco é marxinal. Tamén sei, e aprendín, que o que temos conquistámolo nós. Co noso esforzo, coas nosas propias forzas, políticas e sindicais, xuvenís e culturais, feministas e veciñais. Sen axudas de fóra. Canto esforzo, entrega e sacrificio, individual e colectivo, hai no proceso de construción do movemento nacionalista galego. Canta incomprensión, e canto esforzo. Cantas derrotas e desercións, e tamén canta valentía e determinación en seguir avante, en non renunciar.

"Captar voto BNG significa destruír esa monumental mentira segundo a cal o noso pobo non vale por si mesmo. Si valemos, e podemos demostralo".

Cando me integrei no BNG, a primeira lección que aprendín foi a da dignidade. O Bloque é unha forza política, si. E tamén algo máis. Porque hai elementos que non collen nunha alternativa programática. Son máis humanos, menos materiais, non cuantificábeis. Teñen a ver máis co orgullo de sermos galegos e galegas, coa autoestima. O nacionalismo na Galiza é algo máis que un movemento, ou unha doutrina política. É moito máis. É unha achega imprescindíbel de dignidade a unha comunidade humana á que lle extirparon con violencia até a propia conciencia de ser ela mesma. É pura necesidade. É liberdade.

Iníciase agora un novo proceso electoral. Faremos o que sempre fixemos, o que sabemos facer mellor que ninguén. Captar voto BNG significa destruír esa monumental mentira segundo a cal o noso pobo non vale por si mesmo. Si valemos, e podemos demostralo. Derrubando valados de complexos ateigados de colonización. Da máis arcaica e tamén da máis progre e sofisticada. Podemos e debemos saír adiante, coas nosas propias forzas. Facéndolle fronte a esa Unión Europea á que combatemos durante décadas, por certo, en solitario. Defendendo a Soberanía (para Galiza, non para o Estado español!) como alternativa democrática, libertadora e indispensábel para un futuro de xustiza social e igualdade.

"Galiza xógase hoxe a súa pervivencia e o seu futuro. Temos moita enerxía, máis da que nos imaxinamos. E tamén unha potencialidade social do nacionalismo que debe ter tradución electoral digna".

Pretenden agora eliminar a voz do BNG nos espazos electorais dos medios de comunicación públicos de cobertura galega. Dóelles que Galiza exista, tamén politicamente, a través do BNG. Son quen de vulnerar a legalidade, de conculcar a representatividade social, electoral e institucional do Bloque. Saben que o avance do nacionalismo galego, do BNG, é o perigo que cómpre anular para que o Poder se manteña. A Constitución española e a súa arquitectura unitaria, corrupta e anti-democrática, abanea. Abanea, si, e non pola presión da esquerda española, política ou sindical, senón polo empeño das forzas patrióticas en Catalunya e proximamente en Euskal Herria. E Galiza? Aí é onde estamos nós, e onde teremos que demostrar colectivamente que somos un pobo que reclama a súa liberdade. É de catón: se aspiramos a unha Galiza soberana, independente, aquelémolo con forzas soberanas e independentes.

Galiza xógase hoxe a súa pervivencia e o seu futuro. Temos moita enerxía, máis da que nos imaxinamos. E tamén unha potencialidade social do nacionalismo que debe ter tradución electoral digna. Pois traballémolo. Sen axudas de fóra, nin de bancos, nin de lobbies, nin de corporacións económicas. Coas nosas propias mans. Será a mellor maneira de demostrar que este é un pobo -Castelao dixit- que non se deixa domesticar, que non naceu para ser can.

Comentarios