Opinión

Orgullo de sindicato

Daba conta este xornal, onte mesmo, do acto de entrega dos premios 8 e 10 de marzo por parte da CIG, en recoñecemento ás loitas emprendidas no último ano por parte das traballadoras da limpeza de Lugo, do comercio de alimentación de Pontevedra e da folga do sector do metal na provincia de Lugo. 

Poñamos como exemplo o meritorio caso das traballadoras da limpeza de Lugo, nun sector tan feminizado e degradado, conquistando cunha longa folga de 130 días, un incremento salarial do 18,3% durante a vixencia do convenio, que non é fume de palla. E conseguírono mulleres, traballadoras e (todo hai que dicilo) da CIG. Velaí unha demostración da utilidade práctica do modelo sindical da CIG.

Hai moitos outros exemplos, mais alén dos conflitos concretos, o papel do sindicalismo nacionalista neste país merece unha análise máis profunda. Ás veces non somos quen de valorar na súa medida o que significa, en termos xerais, o feito de termos na Galiza unha central sindical desta dimensión, desta influencia no mundo do traballo e con esta implantación. Demostra tamén, a diferenza doutros pobos, que na Galiza o nacionalismo ten unha base popular esencial para a súa conformación. 

Porque a CIG é a primeira forza sindical na Galiza en representación e número de delegadas. Case 1.000 por riba do seguinte sindicato. Igualmente hexemónica é a CIG en afiliación e capacidade de mobilización. Tamén aquí, nación, posuímos un mapa sindical propio, diferente ao resto do Estado. Non o parece, mais goza da condición oficial, a nivel estatal, de sindicato "máis representativo", aínda que a práctica gobernamental pareza outorgarlle o rol de sindicato "máis excluído". Tampouco goza dos favores mediáticos nin do amparo institucional. Nin falta lle fai.

Estou convencido de que a paulatina suba do nivel salarial que se dá na Galiza ten a súa razón de ser na existencia desta organización de clase. Non por casualidade Galiza e Euskal Herria (curioso: posúe tamén sindicalismo de seu) están á cabeza do Estado na conflitividade laboral.

E un recoñecemento obrigado a quen contribuíu, individual e colectivamente, a esta realidade sindical vizosa de hoxe. Algúns decisivamente. Porque isto non caeu do ceo. Non foi unha lotaría. Canto esforzo e canto traballo, canta entrega desinteresada e durante tanto tempo, de tantas nacionalistas. Desde a década dos 70 e a cambio de nada. Xeración extraordinaria.

De certo que a CIG ten moitas carencias e moito que mellorar. Mais tamén creo, firmemente, que non hai organización sindical en todo o Estado español non só coa capacidade de organización e mobilización que ten a CIG, senón coa orientación política coherente, a determinación e o modelo sindical combativo e non pactista que afortunadamente mantén a central sindical nacionalista deste país. Un orgullo.

PD: Gostei da resposta de Paulo Carril, que procede da nobre parroquia de Calvos, cando critican o suposto extremismo da CIG: "O problema –di– non é que nós nos radicalicemos, senón que os demais se dereitizan".

Comentarios