Doce consellarías e catro 'debutantes': así é o novo Goberno de Rueda

Entran no Executivo José López Campos, María José Gómez Rodríguez, María Martínez Allegue e Antonio Gómez Caamaño.
Investidura do presidente da Xunta, Alfonso Rueda. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Investidura do presidente da Xunta, Alfonso Rueda. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O discurso de Alfonso Rueda no Parlamento durante o debate de investidura facía augurar importantes mudanzas no seu Executivo. E, finalmente, así foi. O presidente da Xunta vén de anunciar a estrutura do seu novo equipo, que contará con doce consellarías, con importantes cambios en materia de competencias entre departamentos, e catro novos integrantes: José López Campos, María José Gómez Rodríguez, María Martínez Allegue e Antonio Gómez Caamaño.

Unha das principais novidades é a supresión das dúas vicepresidencias, que até o de agora ostentaban Ángeles Vázquez e Diego Calvo. Este último, porén, manterá as competencias de Presidencia, Xustiza e Deportes, mentres Vázquez continuará á fronte de Medio ambiente e Cambio Climático, pero perde a carteira de Vivenda, que pasará a integrar unha nova Consellaría xunto a Infraestruturas —antes en mans de Ethel Vázquez, a primeira en 'caer' do barco de Rueda— liderada pola pontevedresa María Martínez Allegue, que fora directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e estreouse como deputada nesta XII Lexislatura. Até o de agora era a Xefa Territorial de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta en Pontevedra.

O presidente amplía de once a doce as consellarías para este novo mandato, creando un departamento específico para Cultura, Lingua e Mocidade que encabezará o alcalde da Estrada, José López Campos, quen protagonizara as 'quinielas' das últimas semanas canda o secretario xeral de Política Lingüística —e coordinador do programa electoral do PP nas últimas eleccións—, Valentín García, que soaba con forza para ocupar este mesmo cargo pero que finalmente queda fóra do Executivo e podería recalar, precisamente, na Alcaldía da Estrada para substituír un López que forma parte do 'núcleo duro' e de confianza de Rueda. Quen perde Cultura, pero continúa en San Caetano con Educación, Ciencia, Universidades e FP é Román Rodríguez.

Outra das grandes novidades é a saída de Julio García Comesaña, que non continuará en Sanidade, carteira que asumiu en plena pandemia da Covid-19 e que agora pasa a mans de Antonio Gómez Caamaño, xefe do servizo de Oncoloxía Radioterápica do Hospital Clínico de Santiago.

Tampouco continúa no Goberno galego a ourensá Elena Rivo, que ficou á fronte de Emprego durante menos dun ano, logo de ser nomeada a raíz da crise de goberno que se orixinou tras marcharen a Madrid, canda Alberto Núñez Feixoo de cara aos comicios estatais de xullo, os conselleiros Francisco Conde e Rosa Quintana.

Agora este departamento pasa a denominarse Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración, e o seu titular será José González, que abandona así Medio Rural. O seu posto ocuparao María José Gómez Rodríguez, ex alcaldesa de Guntín e senadora.

E sen cambios de calado nos seus respectivos departamentos continúan nesta nova etapa de Rueda como presidente a conselleira de Política Social, Fabiola García —que asume tamén Igualdade—; a de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana; o de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e o do Mar, Alfonso Villares.

Comentarios