Pedro Sánchez continuará á fronte do Goberno do Estado. Así, o desvelou onte, no marco dunha anunciada comparecencia pública desenvolvida no Palacio da Moncloa, onde afirmou: "Asumo a decisión de continuar, con máis forza se cabe. Isto non vai do destino dun dirixente particular. Trátase de decidir que tipo de sociedade queremos ser. O noso país necesita esta reflexión. Levamos demasiado tempo deixando que o lodo contamine a nosa vida pública, contaminada de prácticas tóxicas inimaxinábeis hai apenas uns anos".
Sánchez ligou a súa decisión final ao apoio recibido desde que fixo pública, a pasada cuarta feira, a apertura dun período de reflexión. Nesta liña, agradeceu "as mostras de solidariedade recibidas de todos os ámbitos". "Grazas a esta mobilización, decidín seguir á fronte da Presidencia", acrecentou. Neste punto, reclamou á sociedade española que "volvamos ser exemplo". "Os males que nos afectan forman parte dun movemento mundial. Mostremos ao mundo como se defende a democracia", salientou o xefe do Executivo, quen recoñeceu que actuou "desde unha convicción clara".
"Ou dicimos basta ou esta degradación da vida pública determinará o noso futuro condenándonos como país. É certo que dei este paso por motivos persoais, pero son motivos que todo o mundo pode entender e sentir como propios, porque responden a valores troncais dunha sociedade solidaria e familiar como é a española. Porque isto non é unha cuestión ideolóxica. Estamos a falar de respecto, de dignidade, de principios que van moito máis alá das opinións políticas e que nos definen como sociedade", puxo de manifesto.
Sánchez explicou que o día 24 escribiu unha carta dirixida á cidadanía na que expuña se merecía a pena continuar. "Teño a resposta clara. Se permitimos ataques a persoas inocentes, entón non merece a pena. Se permitimos que as mentiras substitúan o debate, entón non merece a pena. Necesitaba tempo para reflexionar. A carta puido desconcertar porque non obedece a un cálculo político. Recoñecín antes que buscaban crebarme, que doe vivir estas situacións. Actuei desde unha convicción clara. Isto non é unha cuestión ideolóxica", expuxo.
Marco internacional
O dirixente socialista contextualizou a situación política do Estado español no marco dunha tendencia a nivel internacional, de maneira que insistiu en que “os males que nos afectan non son nin moito menos exclusivos de España. Forman parte dun movemento reaccionario mundial que aspira a impor a súa axenda regresiva mediante a difamación e a falsidade, o odio e a apelación a medos e ameazas que non se corresponden nin coa ciencia nin coa racionalidade. Mostremos ao mundo como se defende a democracia. Poñamos fin a este lodo".
Sánchez recoñeceu que coa súa decisión “esta campaña de descrédito non parará”, porén, non avanzou propostas concretas para reverter o panorama político. Así, non despexou a posibilidade de someterse a unha moción de confianza, como lle recomendaron unha parte dos parceiros de investidura nos días pasados e tampouco deu pistas sobre posíbeis cambios na composición do Executivo para gañar impulso político, na liña do adiantado nas últimas horas por sectores da dirección socialista.
Reaccións
A profesora de Economía da Universidade da Santiago de Compostela e analista política María Bastida sinala a Nós Diario que "Sánchez non fixo unha chamada á reflexión, senón unha chamada á mobilización dunha parte dos españois". "Quedei preocupada porque a súa intervención semellou unha chamada á cabalería para apoiar as súas decisións contra os medios de comunicación e os xuíces", afirma. Nesta liña, entende que “na base da súa decisión está unha campaña contra os medios de comunicación críticos, aqueles que non lle gustan e que cualifica como reaccionarios”.
O xornalista e consultor político Luis Paz considera, en declaracións a Nós Diario, que “é difícil de entender a decisión, que trata de aplicar receitas de fóra a un país e un sistema non presidencialista". Ao seu ver, a "manobra" foi "moi presidencialista nun país cun sistema autonómico tan consolidado que as grandes cuestións que afectan a Madrid quedan moi lonxe na Galiza ou a outras comunidades”.
O politólogo e profesor de Ciencia Política da USC Antón Losada valora, en conversa con Nós Diario, a decisión de Sánchez como “un éxito”, co que “conseguiu rehumanizarse, pór en liña detrás del todo partido e desmontar o argumento de que fai todo para manterse de presidente do Goberno". A ollos de Losada, Sánchez “acaba de recuperar a iniciativa e o control da axenda, estase falando do que el quere e mete no debate con moita forza a rexeneración democrática”.
As derivadas políticas da decisión de Pedro Sánchez
Pedro Sánchez segue á fronte do Goberno español, mais están por ver as consecuencias prácticas da súa decisión, que rexistra derivadas na orde orgánica da súa formación, no espazo político que sustenta o seu Goberno, no escenario estatal e na esfera internacional. Mentres a totalidade dos analistas coinciden en sinalar que a súa figura sae reforzada dentro do PSOE e que o partido aparece ante a sociedade máis mobilizado, non semella tan claro o impacto do seu movemento a nivel internacional. A este respecto, a prensa europea e a estadounidense ligaron a decisión do mandatario español á investigación por supostas prácticas corruptas da súa dona, Begoña Gómez.
O xefe de Executivo estatal anunciou a apertura dun proceso de reflexión sobre a súa continuidade como consecuencia do clima político de confrontación existente no Estado español, pero todo apunta que a bipolarización vai permanecer nos próximos meses, marcados por un novo ciclo electoral que arranca en Catalunya cos comicios do 12 de maio e por unha parte dos poderes estatais instalados na insubmisión contra os acordos do poder lexislativo. Neste contexto, unha das interrogantes é a resposta de Sánchez ás denuncias de lawfare recollidas na súa carta do pasado día 24.