Opinión

Realismo máxico galego

O1º de maio celebramos e reivindicamos coa CIG orgullo de clase e internacionalismo proletario. Mais tamén conmemoramos a nosa festa dos maios. Amais, é cando colocamos a xesta coa flor, que debe ser recollida no día anterior antes de se pór o sol, en xanelas e portas, tamén nos vehículos e nos barcos, para evitar nesa noite máxica a entrada das bruxas. Velaí un día que improvisa un retrato moi noso: cultura nacional e popular, reivindicación política e social compatíbeis e en fusión. 

Algo de realismo máxico hai na nosa historia. Esta é o caso dun pobo ao que sempre lle dixeron que non era nada e que non podía facer nada por si propio, mais que é quen de se pór en pé e reivindicar o que lle corresponde en momentos concretos. É o relato dunha nación negada cunha lingua proscrita durante séculos, mais que segue a ter vitalidade e futuro nun sector significativo. É a crónica dun pobo demograficamente desangrado pola persistente acción da dependencia, mais que segue, aínda ferido, a reclamar traballo, porvir e dignidade.

Confeso non lle topar moita explicación racional, nese contexto, ao feito de segmentos do pobo traballador galego fosen quen de ter construído, sen axuda ningunha, só coas súas mans, un movemento nacionalista de base popular que no plano político-electoral acada máis de 30% dos apoios, que é primeira forza sindical no país, ou referencia inequívoca na dinámica social.

Haberá quen diga que iso está ben, mais que non chegamos ao nivel doutros pobos (vasco e catalán) con maior conciencia e determinación. É certo. O noso ritmo de avance non é o mesmo. Porque este é un movemento construído dende abaixo e con todo á contra. Coa máis absoluta hostilidade, que persiste até hoxe, dos poderes político, económico, mediático, relixioso, militar e policial, académico, e de calquera caste, que operan na Galiza. Si, xa sei, con moitos erros propios, con desacertos e contradicións. Nada humano é perfecto. Mais aínda así – desculpade a inmodestia–  todo este esforzo colectivo neste e por este país ten moito de épico. Case de máxico.

Aquí, política e socialmente, houbo que facelo todo porque non había nada. E igual que na nosa cultura popular, xuntouse a imaxinación en simbiose co real. Demostramos que sabemos soñar, e ese é o mellor antídoto fronte ao derrotismo. En definitiva: todo é posíbel se un obxectivo se imaxina e, naturalmente, se traballa.

Gabriel García Márquez, un dos pais dese movemento literario coñecido como "realismo máxico", preguntado pola orixe das súas historias, recoñeceu nunha entrevista que "os meus avós eran descendentes de galegos, e moitas das cousas sobrenaturais que me contaban proviñan da Galiza".

PD: Chámome Bieito porque meu pai se chamaba Benito. E puxéronlle ese nome (ligado a "bendito, bendicido") como remedio taumatúrxico por ser sétimo fillo varón e ter nacido nunha noite de lúa chea, tendo risco por tanto de se converter en lobishome. Se ademais se apelidaba Lobeira, peor pintaba a cousa. E si, falamos do século XX e da Galiza.

Comentarios