Opinión

Campaña, mentiras e calor

Última semana dunha sufocante campaña electoral. Hai un amplo consenso sobre a importancia da mesma polo número de persoas indecisas. Non sei se isto é así, pode que máis ben sexan persoas que non están dispostas a dicir o que votan. Xa sabemos que aquí ninguén votou a dereita ao día seguinte das eleccións. Vou ser crédula e aceptemos a importancia destes últimos días de debates, entrevistas e mitins.

Dada a transcendencia desta semana, decidín inaugurala almorzando de vagar e escoitando a radio. Así, co meu café con leite escoito a candidata Díaz afirmar que Feijóo empregou a técnica da mentira contra o bipartito en Galiza. Seguín co meu café na man e a mente voou décadas. Semelloume lembrar que ela contribuíra a acrecentar os bulos contra Quintana e Touriño.

Como a memoria é fráxil pode que estea confusa, mais na hemeroteca rezan titulares como que nin Fraga se atrevería a aprobar leis tan terríbeis como as do bipartito ou que o BNG era máis folclórico que Fraga postos na boca da agora candidata á presidencia do Estado e naquela altura candidata a presidenta da Xunta. En fin, supoño que sempre está ben rectificar, aínda que sexa por interese propio.

As mentiras nas campañas de Feijóo calan porque o terreo está aboado durante meses e meses nas redes e os medios de comunicación para que poidan prender. Día tras día existiu un goteo constante de noticias sobre violadores na rúa e etarras gobernando. Non se desmentiu con forza, non se explicou, non se lle dedicou tempo. Agora por moito que se explique, o terreo está aboado para crer case calquera cousa. Igualiño que co bipartito. Tantas veces se repetiu que as crianzas dun ano nas Galescolas cantaban puño en alto de memoria, sen erro algún, a letra de Pondal, que de súpeto o galego era unha imposición insoportábel.

Os coches, as cadeiras e os mojitos pasaron a tomar un protagonismo político descoñecido, tal que opacaron a constitución dun sistema de benestar público, a política de vivenda, os compromisos sanitarios, a gratuidade dos libros de texto, os logros en igualdade ou o concurso eólico. O problema non foi quen as dixo, senón os e as que calaron.

Obvio que non vou votar nin a Díaz nin a Sánchez, mais non vou calar as mentiras de Feijóo. A Lei do si só é si era unha lei necesaria e boa. A Lei de identidade de xénero restou dor a moitas persoas. Unha proposta económica que busca saír da crise con medidas sociais e non con recortes como en 2010 é máis xusta. E podería seguir con outras cuestións. Non obstante, quería lembrar que como galega tamén aspiro a unha AP-9 libre de peaxe, un tren de proximidade, unha defensa da nosa pesca cando se negocia en Bruxelas ou que os eólicos non sexan o único investimento desde Madrid para o noso monte. Un recoñecemento para a miña lingua e cultura.

Non temos ola de calor, sabemos de mentiras e non queremos ser as persoas riquiñas que serven cañas aos que se refrescan. Coas nosas forzas propias farémonos valer. Faremos valer esta terra.

Comentarios