Opinión

Feijóo "o Moderado"

Grande estadista e brillante administrador público chega a Madrid e sofre unha conversión. Polas últimas noticias incluso está perto da conversión evanxelista. A prensa da capital, autodenominada progresista, non dá crédito. Como se pode perder en tan pouco tempo ese ton tan conciliador co que nos falaba desde a colonia galega. Que mágoa tan grande, co centrado que estaba e a maxia de bo xestor que desprendía o señor Feijóo. Agora todo son especulacións sobre os poderes ocultos de Ayuso e os bebedizos que prepara para anular o bo siso do salvador da dereita española.

Se a prensa "progre" tivese reparado con certo rigor, tampouco sen pasarse, no Feijóo de 2009, se cadra podería telo alcumado "o Avanzado". A pouca memoria que fixeran, ou cunha simple revisión das hemerotecas, verían que aquela campaña electoral contra o bipartito iniciou no Estado español un facer político que agora é a norma: todo vale. O derrubo persoal dos políticos, os bulos e as incipientes fake news foron a gran novidade daquel duelo electoral. Unha nova forma de facer política chegaba da man de Feijóo, xogo sucio e sen tregua. Sentimos informar que Ayuso é pouco innovadora.

Unha vez no poder, tres cuestións fundamentais marcaron o inicio do reinado de "o Moderado". A primeira lei que aprobou no Parlamento galego ao pouco da toma de posesión foi promovida pola rede antiabortista ultra Red Madre. Así é. Unha lei que lle asegurou subvencións a todas as entidades antiabortitas baixo o rótulo de apoio ás nais. A segunda contribución á moderación foi a prohibición de impartir clases de ciencias en galego. Despois de demonizar o "decreto do galego", aquel que promovía a impartición paritaria de aulas en galego e castelán, non se rendeu na limitación do galego na función pública. Así é. Agora o mapa sociolingüístico xa o coñecemos, mais só temos que intentar manter unha conversa en galego cun adolescente para felicitar a Feijóo polo bo traballo. Aquí Ayuso tamén vai con atraso.

Sobre a terceira cuestión teño dúbidas. Non sei se inclinarme pola eliminación do concurso eólico ou o desmantelamento das residencias de maiores, regaladas despois a Domus Vi que co tempo faría unha xestión da Covid ao nivel que se agarda dunha amiga do gran xestor. Tamén compite por este terceiro posto a eliminación das Galescolas da Rede de Escolas Infantís para as crianzas de cero a tres anos. Isto era unha cuestión de país.

Que maior aberración que chamar as escolas galegas dese xeito tan desafortunado, moito mellor que sexan galiñas azuis, para que a poboación poida render homenaxe ao escritor Casares desde a infancia. Quen non sabe do gran compromiso de Feijóo coa literatura e, en especial, coa literatura galega. Só temos que lembrar, cando nun discurso no CCG animou as escritoras e escritores a tomar exemplo de Kafka. Xa lle gustaría a Ayuso superar esta.

Sentíndoo moito polos medios de Madrid e a súa omnisciencia, o de Feijóo non é de pedrada. Foi para alá en estado puro. Nós somos así, exportamos só o orixinal.

Comentarios