Opinión

A bomba, bon amigo

[Xoán Costa]

"Que ben, que a bomba vén co seu rebumbio! A bomba, ¡bong!, a bomba, bon amigo”.

O texto que precede é o comezo dun poema de Celso Emilio Ferreiro do libro O soño sulagado. Mais podería ser a transcrición dunha conversa, a distancia ou presencial, entre calquera dirixente da Unión Europea ou dos USA con calquera responsábel do Estado de Israel, especialmente co seu primeiro ministro Netanyahu. Nos últimos días están aparecendo voces que procuran similitudes entre o sucedido en Vietnam e o que está a suceder en Palestina. Nada a ver unha e outra situación, nen cronolóxica nen xeopoliticamente.

Certo que un crecente movimento social está a exixir a Israel o cumprimento do Direito internacional; certo que denuncia o xenocidio que está a acontecer en Gaza mais, como escrebeu Pimentel no seu poema Cunetas, “Nos pazos onde se trama o crimen / ondean bandeiras pingando anilina”. Anilina, ese composto orgánico que serve tanto para fabricar explosivos como analxésicos cos que calmar a dor de “tanto silencio belixerante mordendo a destrución de tantos nomes”, por tomar o verso de Luísa Villalta. Anilina que pinga das bandeiras colgadas nas fachadas de altos edificios, onde traballan altos funcionarios e altos financeiros, onde habitan os altos ideais. “A bomba, ¡bong! a bomba co seu bombo de setas e volutas abombadas”.

Comentarios