Opinión

A ucronía de Rueda

Escrebía estes días nesta mesma páxina a profesora Carme Adán unhas palabras que definían a monarquía como un réxime político tan anacrónico que resulta difícil definir a súa relación real co Estado e as súas institucións. Tamén nesta páxina o profesor Bastos reivindicaba a necesidade de dispormos de prensa rosa en galego para non sermos colonizados pola prensa rosa española na que a monarquía ten unha presenza constante e os enredos  de palacio abrollan como abrótegas na primavera. 

A anacronía pode ser un recurso narrativo mediante o cal situamos unha cuadriga romana circulando por unha autovía ou un lexionario comprando por internet entradas para un espectáculo no Circo de Roma. E tamén que haxa un señor -leve o numeral que leve-  que, por 258927 euros ao ano, e "ad vitam", se declare posuidor de títulos que o acreditan como rei das Illas e Terra firme do Mar Océano onde naufragan os nosos barcos e morre a tripulación. Ou que se diga rei da Galiza. 

Cando o presidente Rueda afirma que o emérito potencia o turismo na Galiza (ben sabemos que está vedado o acceso aos lugares que visita) estamos a falar doutro recurso narrativo, a UCRONÍA, a ficción especulativa na que a trama transcorre nun mundo en que a  historia real e a que nos contan son tan diverxentes que nen caben na prensa rosa.

Comentarios