Opinión

Achanta, neno

[Xoán Costa]

Pasei a miña vida profesional, case toda, como profesor nun centro educativo no que había moitos catedráticos dos chamados “pata negra”. Un deles era o de matemáticas. Un home alto e con bastante masa corporal. Excelente profesional que explicaba en función do mundo que alumnas e alumnos debían habitar, matemáticas para a vida real. Un día, cando xa a LOXSE estaba ben implantada e el estaba de garda, un alumno de primeiro da ESO, que con outros dous ou tres desafiaba as prohibicións do centro e botaba unhas carreiras nun dos longuísimos corredores do instituto, auténticas finais dos cen metros lisos, bateu contra o abdome do señor catedrático que nese momento saía dunha das aulas. Un choque frontal. O rapaz alzou a vista, ollou para a cima, moito para a cima, e dixo ao atónito catedrático que tardou uns segundos en reaccionar: Achanta, neno! E partiu ás carreiras.

Pois isto, que aconteceu na Coruña por volta do ano 2000 é o mesmo que lle acontece agora ao señor Feixoo. El anda a toda velocidade polos corredores da política para ver se é quen de conseguir algún apoio. E nesa carreira, como aquel rapaz de primeiro, Feixoo bate frontalmente coa realidade social dun Estado que el se empeña en concibir como uniforme cando todo mostra que é plurinacional. Achanta , neno!!

Comentarios