Opinión

Aquelarre en Compostela

[Xoán Costa]

A alcaldesa de Compostela convida a cidadanía a participar na Alba de Compostela, un acto institucional que o Concello ten previsto realizar o 25 de xullo, en horario sen definir mais que será, con toda certeza, antes do ocaso. O obxectivo da iniciativa é impulsar un acto propio do Concello para celebrar, e realzar, a súa festa máis importante, reafirmar o papel de Santiago como capital da Galiza e poñer no centro das celebracións persoas ou entidades que constrúen Compostela durante todo o ano.

O PP de Compostela, por boca de José Antonio Constenla, afirma que o acto vai ser un "aquelarre nacionalista". Ignorancia supina, señor Constenla. Segundo o define o dicionario da RAG, un aquelarre é unha reunión nocturna de bruxos e bruxas na que aparece o demo transmutado no corpo dun castrón. Polo que sabemos o acto de Raxoi non vai ser unha reunión nocturna e a alcaldesa convida a quen queira asistir, sexa ou non bruxa. Así que aquelarre non vai ser. Iso non quita que o PP organice unha caza de bruxas, co señor Feixoo á cabeza da cacería.

Por iso anunciou que, for o que for o resultado do 23-X, el voltará a Compostela o día 25 para -palabras súas-  substituír a alcaldesa de Santiago. Palabras que parecen dun golpista. O próximo será considerar a Alba de Compostela delito de sedición.

Comentarios