Opinión

Carta de D. Fontán a Rueda

[Xoán Costa]

Caro A. Rueda,

Cando este texto vexa a luz estará vostede a piques de tomar posesión como presidente da Galiza, como fixo aquí, hai 38 anos, Albor. Daquela eu aínda non chegara ao chan desta igrexa. Para min é a primeira experiencia, para o resto, a segunda. Hai máis unha diferenza: En 1986 o TSXG aínda non ditara sentenza ordenando a devolución do predio, pertencente ao Concello durante máis de 150 anos, ao arcebispado. 

Mais ao conto. Non sabe canto nos alegra a súa presenza aquí. É verdade que non frecuenta moito estes espazos en que se reivindican a lingua, a cultura, a propia razón de sermos, mais non imos facer diso hoxe motivo de liorta. Só quero, modestamente, tenderlle a man -non o tome a mal- naqueles asuntos dos que algo sei. Porque saberá vostede que -moito antes de existir Altri-  eu xa fabricaba papel en Lousame con fibra vexetal; e que traballei no deseño da primeira liña férrea da Galiza, a que uniu Santiago con Carril, a mesma por onde Rosalía viaxou de Padrón a Cornes para repousar aquí a Bonaval. A propósito, pensa vostede facer algo polos camiños de ferro na Galiza? E coa ordenación do territorio? Con toda humildade, faría ben en ollar Galiza desde o meu mapa. Hai unha copia no Parlamento.

Saúdos de Rosalía e de Brañas; de Asorei, Cabanillas e Castelao. E se nos precisa, xa sabe onde estamos.

Comentarios