Opinión

Catro veces por semana

[Xoán Costa]

A Unesco, na Recomendación sobre a normalización internacional das estatísticas relativas á edición de libros e publicacións periódicas (París,1964 e Sofía, 1985) precisa o que é un periódico (“publicación periódica é aquela publicada en serie continuada co mesmo título, a intervalos regulares e irregulares durante un período indeterminado para que os números da serie teñan numeración consecutiva ou cada número estea datado”) e o que é un diario (“periódico dedicado principalmente aos acontecementos das 24 horas anteriores á súa entrada en prensa e que aparece catro veces por semana como mínimo”.

Nuns meses a Xunta publicará a resolución das axudas a empresas xornalísticas e, previsibelmente, Nós Diario ficará un ano máis excluído, ignorando a historia do xornalismo, as recomendacións da Unesco e amparándose nunha incorrecta definición de dicionario como a de diario (“periódico que se publica todos os días”) pois non existen xornais que se publiquen os 365 días do ano. Sabedora disto, a Unesco establece unha normalización internacional para publicacións, norma que, noutros casos a Xunta si segue, por exemplo as categorías establecidas para a Clasificación Decimal Universal (CDU). Que razón hai para aplicar o artigo 15 desta norma (CDU) e non o 26 e 27 (a definición de diario)? Xa diredes.

Comentarios