Opinión

Compartir noticias só en galego

[Xoán Costa]

En pouco máis dun mes celebraremos o centenario do falecemento de Murguía. Ao longo dos case 90 anos da súa vida estivo sempre presente nos acontecementos que identifican o presente da nación galega, aliñándose co sector sociopolítico que entendía fundamental a creación de símbolos e institucións que paliasen a febleza do movemento político que se estaba organizando. A Murguía, como elemento aglutinador das diferentes posicións que confluían no espectro sociocultural do século XIX galego, chegaban todo tipo de ideas. Unhas chegaron a ver a luz, outras seguen sen agromar.

Sabedor da función da prensa como conformadora de ideas, fundou ou dirixiu periódicos que priorizaban os intereses da Galiza. E compartiunas, desde eses medios, aquén e alén mar, como hoxe facemos nas redes sociais. Murguía non tiña opción a compartir en galego. Nós podemos. Por iso, a mellor homenaxe é compartir nas redes só as noticias da prensa en galego. Fagámolo para fuxir da tristeza de comprobar como se comparten novas da grave situación de transmisión do idioma galego en español, para honrarmos a nosa lingua e para agrandarmos o sistema mediático de noso.

Comentarios