Opinión

En pé!

[Xoán Costa]

O Partido Popular, mercé á maioría absoluta de que dispón nesa cámara, rexeitou unha iniciativa que pretendía reformar o regulamento do Senado para estender o uso do galego, éuscaro e catalán a toda a actividade parlamentar da Cámara Alta, como ocorre no Congreso, xa que na actualidade o uso das linguas oficiais no Senado está limitado aos debates das mocións no pleno, á Comisión Xeral das Comunidades Autónomas e á presentación dalgúns textos escritos. Tamén o Partido Popular bloqueou a proposta de recoñecer o catalán, o éuscaro e o galego como linguas oficiais na Unión Europea. 

Todo isto sucedeu no propio día, 21-F, que a Unesco celebra como Día Internacional da Lingua Propia, a dous días da celebración do Día de Rosalía e cando aínda non rematou o escrutinio das eleccións do día 18-F que, polo que se ve, se converte na vara para medir quen se mantén máis dereito. Feixoo enche o peito para afirmar que despois do 18-F el segue en pé á fronte do PP. Sánchez retrousa que el segue en pé á fronte do Goberno do Estado. E nós, que?

Fronte a ese ritual de carneiros que se escornan, nós tamén seguimos en pé. Mais non como seguen eles. Nós preferimos manternos en pé seguindo os versos de Cabanillas: sereos, coa fronte erguida e, sempre,  ao "pé da enseña da nación galega, cantar o direito á liberdade da Terra".

Comentarios