Opinión

Fuxir dos parvos

[Xoán Costa]

Ignoro a capacidade imaxinativa de Feixoo mais esas palabras segundo as cais non concibe un Congreso "con pinganillos" indican que é baixa.

E as seguintes, as que din que “os deputados e deputadas pola Galiza, Catalunya e Euskal Herria, poden usar o idioma no que se entenden todos" fanme lembrar as verbas de Castelao no Sempre en Galiza sobre os personaxes parvos, eses que se senten “mellor en Madrid que no mesmo Ceo”, que “odian o galeguismo, sen teren capacidade para comprendelo”, que “adoran o Estatuto unitario e centralista, ou sexa, a “sagra unidade da patria”.

Si, eses que cren que as “autonomías sempre rompen a unidade da súa patria, que é unha boliña que lle meteron na cabeza cando eran nenos”. Eses que pensan que “falar castelán é falar ben e falar galego é falar mal”.

De Feixoo dixo Ayuso que era bisoño, non sei se no significado de mal vestido ou de pouco experiente. Negar a Galiza e o galego é unha mesquindade. A non ser que pense en intereses moi persoais e teña na lembranza o derradeiro verso do poema A negación de San Pedro, de Baudelaire: San Pedro renegou de Cristo... e fixo ben.

Eu prefiro seguir o consello de Castelao: “Irmáns: Fuxide sempre dos parvos. Non vos arrimedes a eles, porque poden roubarvos algo da vosa razón e transmitirvos a súa parvada”

Comentarios