Opinión

Incendios e señores do vento

[Xoán Costa]

Sabemos que a adaptación ao medio, que non é exclusiva de plantas e animais, pois hai outros fenómenos da natureza que tamén se acollen a ese patrón, é o primeiro chanzo para a supervivencia dunha especie. Os chamados incendios de sexta xeración, lumes de grande intensidade que se propagan moi rapidamente e que provocan importantes danos na paisaxe e na biodiversidade, non son alleos a un proceso de evolución medioambiental resultado da actividade sobre o territorio de décadas e que vai alén de lles pór unha nova etiqueta. Son lumes difíceis de controlar e con grande capacidade de destrución que se desenvolven en condicións ambientais moi condicionadas pola actividade humana.

Neste contexto, para quen xestione a política ambiental da Galiza nos próximos anos, vai ser fundamental revisar moitos dos actuais conceptos en materia de prevención. Algúns relacionados coa propiedade ou a explotación dos montes, incluíndo aí as eólicas porque o vento, un dos condicionantes dos incendios, produce inmenso beneficio a quen o explota e só con que o 1% dos ingresos das eólicas na Galiza no 2022 se destine a políticas agroforestais estariamos a falar dunha cantidade superior á que a Xunta gasta en extinción. Claro que os señores do vento pagan o imposto en Madrid e xa se sabe que de España nen bon vento nen bon casamento.

Comentarios