Opinión

O incerto Sr. Feixoo

[Xoán Costa]

Remata un mes de agosto politicamente marcado pola constitución das Cortes, socialmente polo surto machista encabezado por Rubiales e celebrado por Louzán e meteoroloxicamente condicionado polas altas temperaturas do ar, da terra e do mar que trouxo carabelas portuguesas ás praias da Coruña, cousa que non se vía desde o século XIV cando chegaron aqueloutras, ben diferentes, do rei Don Fernando. E comeza setembro coa posta en escena de Feixoo para intentar constituír Goberno falando con todos e non dicindo nada a ninguén.

Ser ou non ser, eis a cuestión á que se enfronta. Ser xefe da oposición, con escasa capacidade de manobra e os puñais dos seus axexandos en cada corredor de Xénova ou ser presidente do Goberno co fantasma de Vox marcando o rumbo. Feixoo terá todo o mes de setembro para aperfeizoar os seus monólogos. “Será mais nobre suportar na mente as frechadas da tráxica fortuna ou tomar armas contra un mar de escollos ”.

Aínda que a pregunta final non será tomada do texto de Shakespeare, será, non teñan dúbida á luz do forte compromiso de Feixoo co galego, do texto de Cunqueiro: “Pode un home, ao mesmo tempo, ser e non ser? Cantos homes son perecisos, no escuro, pra faguer na luz un soio home verdadeiro?" Esa si que é a cuestión. Ser algo politicamente relevante ou non o ser. Xa veremos como transcorre o derradeiro acto.

Comentarios