Opinión

Investidura

[Xoán Costa]

Felipe VI, nunha decisión que algúns líderes políticos consideran pouco meditada, designou Feixoo candidato á investidura. Resulta chamativo o argumento do Xefe do Estado para encargar a formación de Goberno a Feixoo: alega descoñecer a quen apoian aquelas forzas políticas que non acudiron á audiencia real e invoca a tradición da lista máis votada, xustamente o argumento do PP na pasada campaña electoral, con proposta incluída de Feixoo a Sánchez neste sentido.

Lembremos que en 2019 o PP gobernaba varias comunidades autónomas, entre elas Madrid, nas que Ayuso perdera as eleccións. Agora presentan iso como anomalía do sistema. E o Xefe do Estado, coa xustificación pública da súa decisión, parece dar aval a esa pretensión. A presidenta do Congreso marcou para os días  26 e 27 de setembro a primeira sesión de investidura.

Feixoo vai ter, logo, máis dos dez días que dixo necesitar para procurar os votos necesarios, apoios que parece bastante improbábel que consiga na votación do día 27 e tamén na do día 29, cando só precisa máis a favor do que en contra. Se cadra daquela comprende que no Estado Español son as deputadas e deputados do Congreso quen elixen a persoa que ocupa a Presidencia do Goberno. E que tan representativo é o único voto dun grupo político que o apoia a el como o único voto doutro grupo que non o apoia.

Comentarios