Opinión

O Mintireiro verdadeiro

[Xoán Costa]

En 1973, un cura de Palas de Rei edita un calendario, de función e estrutura similar á que tiña O Gaiteiro de Lugo, titulado O Mentireiro verdadeiro. Tratábase dun calendario agrícola que chegou a ser na época o libro máis editado ao alcanzar unha tiraxe de 15.000 exemplares.

O almanaque achega unha completa información sobre as fases lunares, as mareas, prognósticos meteorolóxicos e previsións para o ano, o santoral e os períodos máis axeitados para as diferentes tarefas agrícolas. Refráns, adiviñas, contos, datas das feiras e moitos consellos acompañan outros textos deste libriño editado en galego.

Naquel ano de 1973 Núñez Feixoo tiña 12 anos e é moi probábel que non tivese constancia da existencia deste almanaque de título tan irónico que se preparaba a 60 quilómetros de onde el nacera.

50 anos despois O Mintireiro verdadeiro non ten a difusión que outrora tivo, mais é Feixoo quen asume o título de verdadeiro mentireiro. Fíxoo perante Silvia Intxaurrondo e millares de espectadores na TVE; faino sempre que pode, ou sempre que quere pois ten uns medios ben pagados para difundir as súas mentiras, que el chama erros. Mais, como se di na edición de 2016 deste almanaque, páxina 57, nunha frase atribuída a Confucio, cometer un erro e non correxilo é outro erro. Cerre os ollos e verá, señor Feixoo.

Comentarios