Opinión

O home tranquilo

[Xoán Costa]

O presidente Rueda di estar "tranquilo" porque o seu partido ten liñas vermellas que se van respectar “si ou si" nos pactos con Vox. Mais esa tranquilidade non vén dada, parece, do convencemento e si da constatación de que el, persoalmente, e o partido que preside, non está nesa tesitura porque o PP galego xa é "capaz de aglutinar un amplo espectro" ideolóxico. Pois claro que é! Sen ir máis lonxe o propio Rueda compartiu ese amplo espectro ideolóxico que representan Ana Pastor, Carlos Negreira, Gloria Lago, Rosa Díez ou Albert Rivera na manifestación antigalego de 2009. E ben calado que está, 14 anos despois, cando ese mesmo espectro ideolóxico agora denominado “hispanohablantes” enche os espazos publicitarios -si, xa sei que din que é cos seus cartos- con chamamentos ao incumprimento da Lei de Normalización Lingüística, xustamente no mes en que se conmemoran os 40 anos da súa aprobación no Parlamento. 

Aínda así Rueda di sentirse tranquilo. El é un home tranquilo, como o é John Wayne no filme The Quiet Man, a película estadounidense gañadora dun premio Oscar á mellor dirección e outro á mellor fotografía a cor. Boa dirección, boa fotografía mais cheo de liñas vermellas que o protagonista, descoñecedor das formas que aglutinan a sociedade en que pretende integrarse, cruza constantemente.

Comentarios