Opinión

Os retos de Rueda

[Xoán Costa]

Di o presidente Rueda, en sede parlamentar, que o principal reto da Xunta é acabar co sanchismo na Galiza. Se o dixese nun mítin do PP a cousa aínda podería ser chusca. Mais que o diga no Parlamento, o espazo representativo da soberanía popular, parece, cando menos, impropio dun Presidente da Galiza por máis que, ben pensado, tampouco parece un reto tan difícil de alcanzar, na Galiza, que o PP obteña mellores resultados que o PSOE, sobre todo tendo en conta que algúns líderes deste partido, como Felipe González, apoian publicamente as teses de Feixoo de que goberne a lista máis votada, cousa igual de chusca.

Mais, se cadra, Rueda non se refere a Pedro Sánchez cando fala de sanchismo e realmente está a pensar en Sancho Panza, esa personaxe criada por Cervantes, de ascendencia galega como denotan os seus apelidos, e que sabería ver con claridade neste século XXI que onde o presidente Rueda albisca xigantes benefactores que atrapan o vento para nos traer progreso, só hai aspadas torres de moitos metros de alto que aportan xigantescos beneficios ás eléctricas que sentan Aznar ou González nos seus Consellos de Administración. 

Se cadra non é boa idea acabar co sanchismo na Galiza. Sancho Panza foi un bon escudeiro de D. Quixote. Rueda un fiel aliado de Feixoo. Sancho Panza foi gobernador de Barataria. E non digo máis nada.

Comentarios