Opinión

Pisar follas de xornal

[Xoán Costa]

Entramos na derradeira semana de campaña para o 18-F. Os inquéritos manteñen abertas todas as posibilidades de o PPdeG perder o Goberno da Xunta e, aínda así, nunha estratexia que, supoñemos, está ben calculada pola equipa de profesionais da mercadotecnia eleitoral que o acompaña, o candidato Rueda renuncia a contrastar en debates públicos as súas propostas para a Galiza dos anos próximos. Arriscada artimaña, mais, sabedor de que, como di o refraneiro, non anda descalzo quen sementa toxos, é coherente co seu lema de campaña: se, como afirman, a Galiza funciona, o máis adecuado será dar a coñecer os manuais de uso ben escritos, en español e en papel. En papel de periódico. De aí os centos de contratos menores e os millares de euros repartidos en accións publicitarias de diferentes departamentos gobernamentais a medios coidadosamente elixidos.

Sabe ben o sr. Rueda que antes, e aínda agora, nas casas e nas tabernas sobre as baldosas húmidas se colocaban follas de xornal para secar o chan e tamén para non esvarar. Parece que esvaradizas se lle mostran agora as baldosas eleitorais ao PP. 

Así que, ben pensado, que mellor que comprar xornais e estender as follas para pisar seguro? Así funciona... o negocio. Galiza, máis ben está avariada e no manual do PP non cabe procurar o arranxo.

Comentarios