Opinión

Feixoo e o cura de Valverde

[Xoán Costa]

Pasada case unha semana da celebración das eleizóns do 23X comeza a conta do voto CERA, con algúns escanos en xogo. Na memoria aínda temos aquela escena do balcón da rúa de Xénova en que o presidente do PP e candidato á presidencia do goberno dirixe unhas palabras ás persoas concentradas e como estas comezan a berrar “Ayuso, Ayuso”.

O rostro do Feixoo nese momento mostra cotas de dúbida nunca antes alcanzadas. Parece que a súa parroquia non está en Madrid. Agora si que comprendía o cura de Valverde de Lucerna da obra San Manuel Bueno, mártir de Unamuno. Lembraba que nunha ocasión, no confesionario, lle dicía a unha freguesa: “Continúa a crer. E se as dúbidas xorden, ocúltaas mesmo para ti. Hai que viver...”.

Hai que viver. Por iso Feixoo acudiu a Compostela o día 25. Non a pedir nada ao apóstolo, senón, dixo, a agradecer. Claro que non na intimidade do confesionario. Non. Canto máis visíbel, mellor, cantos máis saúdos e máis sorrisos esparexese el pola praza do Obradoiro, mellor. O Obradoiro! Cantas lembranzas desa praza, dos abrazos alí dados.

E de novo as palabras do cura de Valverde: “Eu non che sei o que é verdade e o que é mentira; nen o que vin nen o que soñei –ou mellor o que soñei e o que só vin–. Nen sei se estou traspasando a este papel... a miña conciencia, quedando eu sen ela. Para que a ter xa...?"

Comentarios