Opinión

Triunvirato

[Xoán Costa]

Si, leron ben, triunvirato, do latín triumviratus. Tamén se chama triarquía. É unha forma de goberno dirixida por tres individuos, coñecidos como triúnviros, en latín triumviri. O nome xurdiu na Roma do século I a. C., durante a República, cando este tipo de goberno foi usado para formar alianzas e conseguir control político. Comezou a usarse para describir as alianzas entre Cneo Pompeio Magno, Marco Licinio Craso e Caio Xulio César, o que lle puxo o seu nome a un mes do ano, centralizou a burocracia da República, foi proclamado "ditador en perpetuidade" e navegou polas costas da Gallaecia atemorizando os nativos “polo ruído da navegación”. 

Dous mil anos máis tarde na Gallaecia eleitoral posta ao servizo do centralismo hispánico un novo triunvirato percorre as estradas construídas sobre as antigas calzadas romanas: Raxoi, Feixoo e Rueda, unha caravana eleitoral disposta a conquistar o noroeste, sabedores de que hai unha gran cantidade de votos aínda non definidos. Neste inicio de campaña o PP sabe que non sae como gañador, aínda que goza de vantaxe dos pactos de hospitalidade estabelecidos con certos grupos de nativos durante os derradeiros 15 anos. E tamén sabe das limitacións do seu candidato. Por iso confían tanto -como fixo César- no ruído da navegación. O que non saben é que a unha boa parte de nós xa non nos asusta o ruído.

Comentarios