Opinión

Ósos

Cando estudaba o primeiro curso de medicina, o momento que agardabamos todas con impaciencia era comezar co sistema locomotor. Non só porque anatomía era a primeira materia "de médicas" da carreira, senón porque incluía facerse cun esquelete. As indicacións para conseguilo eran bastante abertas a interpretación e incluían un papel que te autorizaba para posuílo, pero non a maneira de facerte con el. Había basicamente tres grandes grupos de persoas: as ricas, que podían mercalo sintético nunha tenda de material médico; as de vila ou aldea rural, que tiñan algo parecido a unha tumba da familia e permiso para saqueala (algunha das miñas compañeiras sabía ata o nome da súa esqueleta) e as que tiñan algunha persoa coñecida nos cursos superiores e podían herdalo. Despois estabamos as parias coma min, que non pertenciamos a ningún dos tres grupos e recibiamos algo do estilo de "búscate a vida e prefiro non sabelo" por parte do profe de anatomía.

Non vou desvelar como conseguín o meu, aínda que non inclúe nada delictivo, pero si que todo aquilo tiña algo de rito de paso e de proba iniciática, igual que moitas das cousas que pasaban no primeiro curso e descoñezo se continúan a pasar. En todo caso, os acontecementos que marcan o inicio ou a fin dunha etapa parecen consubstanciais ao ser humano e se non existen, tendemos a crealos espontaneamente. Nas sociedades precientíficas estaban moi ben definidos os momentos de paso e, aínda que na organización social actual tenden a desdebuxarse, en canto nos descoidamos aparecen de novo. As "novatadas" teñen tamén esta compoñente de proba iniciática, ás veces cobrando un aspecto humillante ou perigoso.

Non todos os ritos de paso teñen a mesma connotación e especialmente os relacionados coa madurez sexual feminina conteñen moitas veces un aspecto un tanto turbio. As presentacións en sociedade ou "postas de longo" semellan aínda hoxe unha sorte de mercado de adolescentes nas que os pais exhiben as fillas en idade casadeira. O mesmo acontece con outras festas como a "quinceañera" ou "sweet sixteen", que máis que a entrada na vida adulta remiten á dispoñibilidade sexual das mozas. As cerimonias de cambio de ciclo vital son teimudas e posiblemente necesarias. Se non pensamos nelas, cabe a posibilidade de que adquiran significados pouco desexables.

Comentarios