Opinión

Xogar co emocional ou debate de proxectos

Pódense crer ou non os resultados da última enquisa do CIS que dan un aumento moi grande para o PSOE, superando en case que dez puntos ao PP, e amosando un forte cambio na tendencia do voto respecto da maioría das enquisas realizadas antes do período de reflexión de Pedro Sánchez. O resultado do CIS corresponden a unha mostra feita nun dos días que se tomou Pedro Sánchez para decidir se continuaba o non como Presidente do Goberno. Os resultados da enquisa reafirman a sua figura e ademais amosan un reaxer positivo dun sector importante da sociedade contra a utilización política do insulto, os ataques carentes de argumentos, e as falsas denuncias de corrupción como medio político.

De consolidarse a tendencia desta enquisa nos vindeiros meses, mesmo baixando algún punto o PSOE, sería unha resposta da sociedade (ou dunha parte importante dela) á presión da dereita saltando todo tipo de normas (ao que hai que sumar os retrocesos sociais e democráticos). Contando neste aspecto o PP coa complicidade de moitos medios de comunicación (sistémicos) así como dunha parte destacada do Poder Xudicial (o lawfare), neste caso concreto, co obxectivo de danar o prestixio de Begoña Gómez, muller do Presidente, para atacar no persoal a Pedro Sánchez e forzar súa dimisión. Contando nesta deriva co apoio entusiasta de VOX e outras forzas de ultradereita.

Resulta evidente que nos corrementos do voto nesta enquisa tivo un papel importante o tema emocional, nun sector do voto en disputa de centro dereita, así como o temor a un retroceso en dereitos sociais e democráticos se caese o Goberno PSOE+Sumar por mor dunhas eleccións anticipadas (tamén sucedeu isto nunha franxa da abstención?). Pode que esta táctica de Pedro Sánchez aumente o voto do PSOE nas eleccións catalás e da Unión Europea, mais será difícil que se consolide no futuro sen que propoña cambios estratéxicos. Ademais o emocional neste caso está unido a feitos moi concretos, e focalizado en determinadas figuras, deixando nun segundo plano o colectivo, e polo tanto un efecto transformador máis profundo.

Agora ben, para manter a tendencia que reflicte a enquisa do CIS o PSOE terá que realizar cambios de máis envergadura, que uns día sde reflexión e unhas declaracións conxunturais. Necesitará reformas non só garantan unha xustiza e información baseada en feitos reais, senón que ademais permitan que exista unha participación real da sociedade en cuestións de tanta importancia como o debate respecto do papel da UE e da OTAN (e polo tanto do Estado español) na guerra na Ucraína, no apoio a Israel na masacre de Gaza,... no aumento do gasto de defensa, na redefinición do Estado en relación coa cuestión nacional...

En todo caso de reflectir correctamente esta enquisa o estado de animo do electorado, o que implicaría o ascenso como condicionante de primeiro orde do factor emocional, e ademais deixaría en evidencia como se foi debilitando o relato dos partidos en relación coa caracterización da situación, e os obxectivos a medio e longo prazo a poñer en práctica (como parte esencial da formación da conciencia política). Claro que sempre hai excepcións, mais as tendencias dominantes son as que contan, e mudalas necesitan de decisión, organización, folla de ruta, activismo, debate, participación e protagonismo das clases populares... En fin implicaría un cambio estratéxico na liña seguida polo PSOE desde a etapa de Felipe González. Nada indica se vaia a dar un cambio, tan radical, para alén dalgunha medida táctica; volvendo a xogar co emocional, reforzando algo o discurso no social e democrático, con modificacións máis de forma que de contido. A historia pesa e as transformacións para ser consistentes teñen que ser colectivas e parte dun proceso. Aínda que non se pode obviar o que podan empurrar a prol dos cambios sistémicos os partidos de esquerda, especialmente aqueles do soberanismo, xa que o veñen facendo historicamente.

Comentarios