Opinión

O muro que Madrid levanta, de novo, entre Galiza e Portugal

Unha crenza moi popular di que os acontecementos avanzan seguindo o seu curso natural. Estes defensores do "natural" entenden que o galego pode desaparecer polo mesmo motivo que desapareceu o arado romano, igual que admiten que Galiza se goberne desde Madrid porque a nosa comunidade resulta demasiado pequena. Non aplican, porén, este mesmo principio estoico cando se trata de xustificar o enorme gasto que supuxo a restauración do Pórtico da Gloria e esquecen que países europeos de pouco tamaño teñen un excelente nivel de vida.

Esa lóxica "natural" á que tanto se recorre tamén nos indicaría que Galiza e Portugal, cuxa costa é unha das máis poboadas de Europa, en particular o eixo Lisboa-Ferrol, deberían gozar dunha privilexiada relación. E con todo non é así. O Goberno español acaba de frear en Bruxelas a posta en marcha do tren de alta velocidade que nos debería unir, para darlle prioridade ao de Lisboa-Madrid. Desaprovéitase así unha boa oportunidade, despois de que o Goberno de Portugal parecese, por primeira vez, decidido a impulsar a conexión atlántica. 

Contra o que di a xeografía, a lóxica e a nosa comunidade cultural, Madrid decide sempre manternos o máis afastados posíbel. E Lisboa, en parte por temor, déixase arrastrar.

Do mesmo modo, o portugués segue implicitamente vetado no ensino galego, ao mesmo tempo que moitos alumnos estremeños non teñen problemas para estudalo. As emisións televisivas de ambos países estiveron capadas durante anos para evitar que cruzasen a liña fronteiriza, até que os avances técnicos levantaron en parte a barreira. Unha excursión a Cerveira de alumnos de Tomiño require un permiso paterno, ante a garda civil, que non necesitan para ir a Barcelona. Non sei se hoxe a correspondencia postal entre Tui e Valença pasa por Madrid, entre outras razóns porque a opacidade gobernamental a estes efectos segue a ser grande. 

Do lado positivo temos que contar as boas comunicacións que actualmente existen por autoestrada e que facilitan que os cidadáns de ambos lados se coñezan mellor e perdan os respectivos prexuízos. Probabelmente non se quere que esta relación avance. Quizais son máis conscientes das nosas semellanzas os inquilinos da Moncloa que nós mesmos. O que está comprobado é que as relacións entre Galiza e Portugal son apoiadas habitualmente no Parlamento galego e rexeitadas polo Goberno central. Non importa que partido goberne, PP ou PSOE, o que decide sempre é o que nese momento manda en Madrid.

Non estamos entón ante unha "ordem natural das coisas", que diría Lobo Antunes, senón ante decisións nas que prima a ideoloxía sobre o que resultaría máis lóxico. Non hai un curso natural das acontecementos, hai programas políticos e intereses. Polo momento, o noso potencial atlántico seguirá sen tren, en favor do pozo extractivo madrileño. 

Comentarios