Opinión

Ferreiras dun mundo mellor

Vimos de celebrar o Primeiro de maio, o día internacional da clase obreira, coa CIG, que este ano chamaba a manifestarse nas rúas baixo o lema 'Traballo digno. Pola paz e a soberanía dos pobos. Contra o imperialismo'.

Traballo digno porque os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) referentes ao primeiro trimestre do ano amosan unha evolución negativa do mercado de traballo en Galiza, cun incremento da poboación parada e unha baixada da ocupación especialmente no sector público. E se os datos confirman que seguimos estando á cabeza do desemprego da Unión Europea, que esta perda de emprego se produza no sector público e dobremente preocupante porque vén confirmar o que tantas veces denunciamos: que se están a desmantelar os servizos públicos –falemos de sanidade, de ensino ou de servizos de benestar–. Esta esixencia de mellores servizos públicos, que pon en pé a multitude de vilas por todo o país, é unha loita pola vida.

Mais tamén este 1º de maio, traballadoras e traballadores berramos pola paz e contra a guerra en Ucraína e o xenocidio de Palestina. Era o noso un berro contra a apoloxía da guerra que se está a facer desde os Estados Unidos (EUA), mais tamén desde a Unión Europea. A OTAN e as potencias imperialistas impulsan esa idea do "imprescindible" do aumento do gasto militar, como se non soubesen que isto é botar lume nun conflito global entre potencias con armas nucleares, o que supón unha ameaza para a propia existencia da humanidade. E mentres, o Goberno español súmase a ese rearme que só alimenta a guerra. 

Denunciar a precariedade no emprego, rexeitar as desigualdades de xénero no mercado laboral, esixir que se garanta o dereito colectivo aos coidados é imprescindible e son reivindicacións que veñen de lonxe. Mais tamén era necesario neste momento alzar a voz pola paz, a soberanía dos pobos e contra o imperialismo. É o internacionalismo e a unión da clase obreira contra as guerras imperialistas a que pode parar o xenocidio en Palestina.

Comentarios